MIRA (ME) (TE) (NOS) (DEVOS) (OS)

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 19-04-2010

MIRA

Achegueime. Arrastrei os meus tacóns dúas veces máis. Quedei a un furabolos de ti. E aínda así, non viches ren.

Porén, eu vin de máis,  vinme reflectida na túa retina pechada. Vin que xa estaba farta de petar.

(…ás veces, desenfocando, o invisible faise evidente….,  Seymour….)

UTÓPICA (VI)

Posted by Seymour | Posted in utópica | Posted on 11-04-2010

“Cando alguén di que este monte é sagrado un vai pensando que non podía ser outra cousa.

Non ha ser nunca un monte calquera, se cadra porque ningún o é.

Mesmo os pequenos e pacíficos cómaros dos arredores da casiña da aldea teñen  o seu aquel de especial. Pero estes penedos gretados dos cantís do Atlántico….

…inzados de fendas

e feridas….

teñen que selo por forza.

Como non ha ser sagrada esa mestura mineral que tivo a vontade de vir beber no mar salgado e a sensatez de non volver para casa…

Xa tódolos amores foran así… “

(Setesoles deitou toda a beleza desta imaxe no noso paraíso en construcción. Xa temos mar.)

TRES ANOS (+ CATRO DÍAS) = 171 TERAPIAS

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 05-04-2010

Quen o diría, dous anos (+ catro días) de prorroga sobre o tempo inicial previsto para esta terapia. Mira ti, eu que nunca pensei que sería quen de camiñar por estas beiras durante tanto tempo. Pero, velaí está, camiñei. Sempre ao meu paso. Lento, labiríntico, e desleixado. Tropezando coas palabras aquí e acolá. Agarrándome a elas. Asasinándoas ás veces. Querendo aloumiñalas sempre. Sempre tentando coselas ao que cociño no centro dos meus miolos. Tres ou catro veces coido que incluso cheguei a enfiar ben media ducia delas. Pode ser que unha vez ata quedara eu (eu) enfiada nun parágrafo.

Quen o diría, ollando para o carreiro de  pegadas irregulares de liñas rectas  e liñas curvas que ás veces esvaecen durante quilómetros e que durante outros tantos quilómetros volven a aparecer só para debuxar círculos sobre si mesmas, ollando cara aí, mirando para ese autorretrato, o pouso do cansazo (mira ti, quen o diría) sábeme a satisfacción.

Sábeme a….

tempo gañado…

E velaí están, as miñas botas,  xa sei que van desgastadas, e vellas, moi vistas ou pasadas de moda, quizais, pero (que lle queres) a min, agora, é cando máis me gustan. A sola, se non quero, non me illa do chan.

(Paseantes faladores, silenciosos…,  grazas por acompañar.)

DÍA DE QUERER

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 25-03-2010

Volveu a anoarse no peito a nostalxia .

Hoxe non quere ser hoxe. Hoxe é un día de querer volver atrás. De querer asomarme á  ventá para comprobar que amparas a esquina da miña rúa e confirmar que os teus vaqueiros desgastados agardan polo meu despeiteado-meticuloso.

Hoxe é un día de gorentar tormentas. De querer enchouparse coma un pito. De querer acreditar que a chuvia dun día de semana ( reconvertido en domingo sindical), foi inventada (só) para que nolos dous nos afixésemos a camiñar xuntos sen paraugas. Sen burbulla. E sen tarxeta di- plo- má- ti- ca.

Hoxe é un día de querer acelerar os remuíños. De querer repetir sobremesa. De querer xogar a estoupar dúbidas. De querer soterrar covardías. De querer, e querer, e querer, que arrubie a vida tirana ata que zumegue azucre de amorodo. Amorodo. Amor. Sen. Odio.

Hoxe é un día de querer despeitearme coas  agullas do meu reloxo (só para ti). Hoxe é un día de querer que veñas (só a por min). Hoxe é un día de querer que me raptes (só a min), de querer secuestrarte (só a ti), de querer o teu amor irresponsable (só para min), de querer afundirme coma unha inconsciente (só en ti).

Hoxe é un día  de querer desordear-desordearme-desordearte-desordearnos, e afogarme-afogarte-afogarnos, soltando todos os cabos, sen salvavidas, nun desleixo victorioso.

E perdernos(nós) nos nosos nós.

E asasinar o mundo milimetrado.

E ser uns tolos.

Como antes.

(…e el sempre quere…, Doutora Seymour, por iso o quero.)

EXERCICIO Nº 32

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 15-03-2010

a arte é coma o cristal dunha venta. algunhas persoas case nunca reparan nela. para elas é transparente ou só reflicte cousas ao azar. para outras significa o mundo. ámana, paran e fitan para ela, por qué  dentro vense  a si mesmas.

hera

(…dobre cristal… )

AGARDO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 08-03-2010

REFUXIO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 24-02-2010

alí

no cumio do monte frío

a terra arrola en silencio

ao aire que brúa versos

nesta feira, da cordura

alí escoito

e no bordo do pé ferido

o alento nomea a beleza

da verba que sanda o laio

desta era, xordomuda

alí sinto

que a lingua que lambe os beizos

da boca que bicou á unlla

atopa a mensaxe tenra

nesta toba, tan escura.

(… estaba aquí , Seymour.)

UTÓPICA (V)

Posted by Seymour | Posted in utópica | Posted on 11-02-2010

…un xogo sinxelo coa inxenuidade, seguramente sen moito sentido, pero é que a inxenuidade tampouco o ten e mira canto vale…

Ás veces


a inocencia


é


verdadeiramente …..



…arrepiante….



e outras….

…mira ti que nos imos atopar: Tres vítimas da


inxenuidade a construir o novo mundo.


Con neve.


Ben baratiña.


Se mesmo cha tiran do ceo…!

(Setesoles, con estas fermosísimas imaxes, ven de plantar no noso Shangri-la unha árbore da inocencia e unha árbore da inxenuidade. Xa temos osíxeno para respirar. )

EXERCICIO Nº 31

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia, Sen clasificar | Posted on 02-02-2010

(Guardians of the secret – Jackson Pollock)

“Un silencio fondo espállase na escuridade, na chaira, nas montañas e no mar, e é coma se ese silencio esixira , calado pero con determinación, algunha resposta ou algunha aclaración pola nosa banda. Homes, cans e aves. Hai que facer un esforzo. Hai que intentar explicar. (…)”

Un descanso verdadeiro – Amos Oz

( Xogar a descifrar abismos comúns,  lavarlle a cara ao fío das arañeiras íntimas,  sinalizar un par de cruces  no labirinto,  iso é todo o que podemos facer,  Seymour, aínda que arrincásemos as máscaras a máxima transparencia sempre sería unha explicación translúcida. A resposta absoluta queda en mans da interpretación. Libre. Única. Intransmisible. Sen traducción satisfactoria.)

UTÓPICA (IV)

Posted by Seymour | Posted in utópica | Posted on 11-01-2010

REMACHE-PARIS “… un remache da Torre Eiffel, no pé norte entre o primeiro e o segundo andar, aproximadamente a 150 metros do chan.

Que absurdo un simple remache, non?.

Se faltara, non pasaría nada?, cantos remaches terían que faltar para que caíra a torre?.
Que tensión soporta ese remache?.
Nunca sabremos a resposta a esas preguntas, mais  ten o seu sentido a súa existenza.
Ao igual que ten  sentido a existenza do ser máis insignificante ou da persoa máis anónima, e se faltara que?.

Somos tristes remaches nunha obra inacabada que vai mudando cada día…”


( Hermaco ven de apuntalar con esa imaxe e coas súas palabras o sentido da nosa Shangri-La.  Para quen sabe mirar, ata as cousas máis pequenas falan…)