TRES ANOS (+ CATRO DÍAS) = 171 TERAPIAS

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 05-04-2010

Quen o diría, dous anos (+ catro días) de prorroga sobre o tempo inicial previsto para esta terapia. Mira ti, eu que nunca pensei que sería quen de camiñar por estas beiras durante tanto tempo. Pero, velaí está, camiñei. Sempre ao meu paso. Lento, labiríntico, e desleixado. Tropezando coas palabras aquí e acolá. Agarrándome a elas. Asasinándoas ás veces. Querendo aloumiñalas sempre. Sempre tentando coselas ao que cociño no centro dos meus miolos. Tres ou catro veces coido que incluso cheguei a enfiar ben media ducia delas. Pode ser que unha vez ata quedara eu (eu) enfiada nun parágrafo.

Quen o diría, ollando para o carreiro de  pegadas irregulares de liñas rectas  e liñas curvas que ás veces esvaecen durante quilómetros e que durante outros tantos quilómetros volven a aparecer só para debuxar círculos sobre si mesmas, ollando cara aí, mirando para ese autorretrato, o pouso do cansazo (mira ti, quen o diría) sábeme a satisfacción.

Sábeme a….

tempo gañado…

E velaí están, as miñas botas,  xa sei que van desgastadas, e vellas, moi vistas ou pasadas de moda, quizais, pero (que lle queres) a min, agora, é cando máis me gustan. A sola, se non quero, non me illa do chan.

(Paseantes faladores, silenciosos…,  grazas por acompañar.)

Comments:

(18)TRES ANOS (+ CATRO DÍAS) = 171 TERAPIASThere are Comments for the