DETRÁS DO CRISTAL…

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 09-02-2009

…chove, non para de chover, e a auga cae distinta cada día. A de hoxe cae convidándome a enchoupar os pés nos charcos para provocarme un frío, e que despois a miña nai teña que rifarme mentres me seca, e teña que quentar un pixama no radiador, e teña que meterme os brazos polas mangas mentres eu deixo o corpo medio desmaiado.

A chuvia de hoxe confabula comigo para que colla un catarro, e que a miña nai teña que meterme na cama, e teña que fretarme o peito con ungüento de eucaliptos ata que as súas mans me espanten os fríos, e teña que obrigarme a tomar leite moi quente, e teña que taparme coas mantas ata o queixo, e teña que darme un bico na fronte, e teña que acocharme, e volver a taparme ata o nariz. E teña que sorrir. Doce condensada.

A chuvia de hoxe cae para que eu peche os ollos, e que ela arrime a porta, e que eu saiba que ela está aí, ao outro lado da parede, pendente de cada tose. E tuso cada segundo.
Chove para que eu durma. E soñe.
Sen paraugas.
E sen katiuscas.
Traste-mecosa.

(Seymour…., as pingas hoxe case recenden a mel e Vicks Vaporub…., xa me gustaría… )

Comments:

(14)DETRÁS DO CRISTAL…There are Comments for the