REQUEIXO (produto galego que altera os sentidos)

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 20-02-2009

(Terapia inicial: alterada. Proposta enviada á paciente por: Chousa da Alcandra)

Sabémolo.

Esta cea só foi unha desculpa para gozar da sobremesa, xa que logo, comezamos a multiplicar. Pouso o garfo e o coitelo, miro para ti, e deixo que preguntes.

– Que tomas?

– Algo que saiba a grelo e mirabel, a pataca a cenoria a abelá, a seseo reintegrado e a gheada normativa.

E cando chega o camareiro pido requeixo sen mel, só con azucre ao cadrado, porque a picadura dunha abella fai moitos anos que me deixou resentida para sempre.

– Eu tomo pílulas das Neves- digo.

Ti miras a carta e decides que tamén queres requeixo, pero con mel. O doce que se use non altera o producto, convértese en potencia. Se non te coñecera diría que a ti as picaduras te fixeron inmune.

– Eu xarope da Capela.- pides.

Prescindes das parénteses. Non fas ningún esforzo en disimular que argallas un contraste de salivas por se acaso despois me presta degustarte, por se máis tarde te como uns bicos.

– Sábete?- dis.

A estas alturas, a distancia de mantel que nos separa recende a fraga por mar, e dos pespuntes dos panos abrollan aturuxos.

– Sabe – respondo.

Controlar o apetito case doe. Apetece apurar as culleradas, ter a boca sempre chea, marear a lingua nesa crema. Mais sabemos que sabe máis perfumar o padal con calma, quecer con gula cada bocado ata o número n.

– A que?- queres escoitar o que xa sabes.

– Sabe a seda calmante, coma o roce dos teus ollos nas miñas suturas.

E mentres petisco dentro das túas meniñas un adianto da formula maxistral que imos resolver na casa, repañamos da copa e do prato ata a última partícula.

Debaixo da mesa os nosos pés parrafean.

(Sabe…, Doutora…. ?)

Comments:

(13)REQUEIXO (produto galego que altera os sentidos)There are Comments for the