NO BICO DA LINGUA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 18-05-2009

Lingua, tívente toda a vida no bico dos dedos, ata que te biquei, e descubrín que era quen de bicar e trabar en galego.</i

Sei que cando quedo suspendida nas palabras, ti non deixas de mirarme. Un día, alguén, tirou unha foto mentres eu maxinaba como estralarían as guerlas dos barbos se soubesen bicar e como saloucarían as ninfas se as bicase un barbo.
Ti saíches de perfil, cos teu beizos a un milímetro da focha da miña meixela, co teu iris nadando no meu ollo ausente. Sempre me gustou divagar sobre temas improbables.
Xa me coñeces.
Agora.
Pero daquela xa me intuías, e me mirabas, agardando o intre no que a idea aniñaba na miña mente, para sementar unha corredoira de néctar que me levara cara a ti. Axiña. Despois.

Sabes, sabías, que o teu alento tan preto das miñas comisuras invade as miñas ideas de flores en celo, e sempre estás aí (nutrindo o meu pensamento), no etéreo, no práctico, no imperfecto, no exacto, para calmar a miña sede. E a túa.

Lingua, tívente toda a vida no bico da lingua, ata que te traguei, e descubrín que sempre estiveches dentro.
</i

(Está na miña man que aquí (aquí) sexa sempre o teu día. O meu gran de area nun mar inmenso. )

Comments:

(12)NO BICO DA LINGUAThere are Comments for the