ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) e VII

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 25-08-2009

banksy-girl-heart-balloon

Hai días nos que…

No caso de que tivese alma caeríaseme aos pés, e o peor de todo non sería iso, o peor é que non sabería que facer con ela. Non sei xogar ao fútbol. Xa que logo, por se acaso, adestro, sitúo un alma hipotética no centro dos miolos e sosteño a cabeza coas dúas mans mentres contemplo como murcha o meu rabaño de globos.

E penso.

Maxino…

… que a este ritmo é moi probable que remate os meus días arrastrando o pelello polo chan do campo da feira. Pasando a vida de festa en festa ata que me quede sen dentes. Memorizando sen querer os chin-pum chin-pum chin-pum dos éxitos de cada verán…. Póñome no peor, fabrico unha película diante da cal dean ganas de mandar todo a tomar vento e que se ten que ser algo que sexa o que teña que ser, e que se teñen que rodar almas pois que roden, pero que roden dunha puta vez. Despois desmonto o cadro. Tiro dun fío , ( unha xa vai curtida en aterraxes de emerxencia e sabe de onde tirar) e busco o acougo. Cambio a posición das mans e deixo que a cabeza aboie soa un pouco, e boto contas de canto será ese “todo” que estou a piques de mandar a tomar vento se o mido en helio, e admito por ene elevada a infinito que ás matemáticas nunca foron o meu, pero que aínda así (a ollo) calculo que sería un malgasto moi pouco ético. Moi, moi, pouco ético. Nada ético. Que se o fixese, (ahhh, unha é unha experta en buscar acougos…) roubaríalle o sentido a todo o aire que se sacrificou para que eu chegase ata aquí.

Aquí.

A este intre constante (máxico) de estar sempre a un globo do meu voo. Sempre a un globo do meu voo.

Sempre a un globo.

Sempre a un.

Globo.

De min.


ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) VI

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 12-08-2009

Co sinxelo que sería todo cun chisco de tolerancia! Bochas de helio hainas por todas partes, se puidese ir collendo alí e acolá cada globo que vexo habería moito tempo que non sería unha prosma e estaría felizmente ocupada analizando as miñas pegadas a cabalo dun cirroestrato con forma de media interrogación.

Pero non.

Aínda estou aquí.

Cos pés enguedellados ao chan.

Non me serven os globos de hipermercado, nin os dos parques de atraccións, nin os de ningunha feira cultureta, nin os de ningún concerto, nin os do circo, nin os de ningunha manifestación, nin os de ningún mitin político, nin os do Xacobeo, nin os de ningún maratón popular, nin os de ningunha ONG. Xa que logo, aínda que non aturo o cheiro a améndoas garapiñadas e nubes de azucre cociñadas a ritmo de cumbia, pasodobre, ou reggaetón, a pesar de que teño as cervicais escaralladas de tanto buscar alguén que venda globos no medio de tanta atracción, de que xa estou case xorda e soño con chochonas xigantes que me soterran nun camposanto de papeletas perdedoras, malia todo iso (e algunha cousa máis…) , non me queda outra que deambular de verbena en verbena na procura do globo de medidas idóneas que me permita chegar á cifra exacta que preciso para que as miñas dedas comecen a levitar.

Hai xente que di que teño moito conto. Din que neste país outra cousa non haberá pero que festas que hai ata fartar. E non tal. Esta cousa miña é moi sufrida. Nunca hai festas abondo. Os globos de feira son unha especie en perigo de extinción. Despois de tanto ir e vir, se xunto todo o helio que teño, aínda non me dá nin para que o brazo se erga só.

Sinceramente, non lle desexo a ninguén este sen vivir .

ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) V

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 31-07-2009

Non é sinxelo, vale, xa contaba con iso, mais aínda contando con todo sempre peco de inocente, tendo a pensar que o meu caso (a soño fraco todo son pulgas) pode ser esa famosa excepción que confirma a misteriosa regra.
A dicir verdade, eu non contaba con ter todo en contra.
O meu rabaño de globos murcha sen remedio.
O tempo que pasa dende que merco un ata que merco o seguinte é longo de máis. As festas da comarca malia ser moitas non abondan para soster un optimismo razoable cando repaso a fórmula que me traduce en aire de globo. Se polo menos servise calquera. Se nesta empresa se permitise coma noutras un pouco de manga ancha. Pero non. Só son válidos os globos de feira. Só eses.
Só os da feira.
Só.
Son as normas.
Velaí.
Coma sempre.

Fodendo ao persoal.

ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) IV

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 21-07-2009

Porén, malia aos coidados que lles dedico (pedín unha excedencia no choio e un crédito, fixen obras na casa e habilitei unha zona en condicións de humidade e presión idóneas para este tipo de almacenaxe), ata o de agora non conseguín ter máis de seis ou sete ducias de globos respirando ao mesmo tempo. É rara a semana na que non me morren uns cantos. Vivo nun dó continuo. Apontoando (que ninguén pregunte como) a miña motivación. Limpándolle cada quince minutos o pó ao meu pensamento asertivo…
É todo tan esgotador. Ás veces estou tan cansa. Síntome tan escrava. Que hai días nos que perdo o norte e collo unha punta enferruxada que atopei (que ninguén pregunte onde) e me dedico a asasinar o que neses intres vexo coma un rabaño de bochas noxentas que o único que queren é ir sumíndome pouco a pouco tamén a min.
Voar nunca foi sinxelo. Moitos subiron só para caer. Seino. Teño visto documentais .

ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) III

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 11-07-2009

Esta vida é unha loita sen descanso. E nesta teima miña o truco non existe.
Unha tenta abarcar a maior parte de territorio posible e o percorre cada día. Só se pode mercar un globo de cada vez. Mercar dous ou máis vai contra as normas, está escrito no meu libro do colexio, e ten a súa lóxica, senón o ceo axiña estaría cheo de xente que non ten outra cousa mellor que facer. O tema require unha certa preparación (digamos…) espiritual. A cuestión é seria. Transcendente. E ademais hai que ter constancia, paciencia, e moita maña para que os globos da colleita anterior non se desinchen mentres agardan pólos da seguinte.
Velaí a dificultade.
O mérito tamén.

ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) II

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 01-07-2009

Mais, voar só cun globo non é doado se un é máis grande ca unha ra. É un feito que

un nunca nace pequeno dabondo para cumprir os seus soños cun formato xeitoso. É

por iso, e porque ademais de grande tamén nacín teimuda, que me dedico con

desesperación a percorrer as feiras do país na procura dos vendedores de globos

coma se perseguise o santo graal.

ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) I

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 23-06-2009

Eu sempre quixen voar agarrada á corda dun globo de feira e traspasar a liña dos cables da corrente e mirar para abaixo para ver se distingo as miñas pegadas das dos demais.
Vino nunha ilustración dun libro de lectura do colexio hai algunhas décadas, e aínda que hoxe xa non é nada orixinal, (moitos o tentaron con resultados máis ou menos afortunados, ¿limos todos o mesmo libro?) teño esa idea incrustada na cabeza dende entón.