EXERCICIO Nº 31

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia, Sen clasificar | Posted on 02-02-2010

(Guardians of the secret – Jackson Pollock)

“Un silencio fondo espállase na escuridade, na chaira, nas montañas e no mar, e é coma se ese silencio esixira , calado pero con determinación, algunha resposta ou algunha aclaración pola nosa banda. Homes, cans e aves. Hai que facer un esforzo. Hai que intentar explicar. (…)”

Un descanso verdadeiro – Amos Oz

( Xogar a descifrar abismos comúns,  lavarlle a cara ao fío das arañeiras íntimas,  sinalizar un par de cruces  no labirinto,  iso é todo o que podemos facer,  Seymour, aínda que arrincásemos as máscaras a máxima transparencia sempre sería unha explicación translúcida. A resposta absoluta queda en mans da interpretación. Libre. Única. Intransmisible. Sen traducción satisfactoria.)

NADA(L)

Posted by Seymour | Posted in Sen clasificar | Posted on 24-12-2009

a41b042a81 A primeira vez que vin de cerca un Papa Noel aforcado coincidiu coa época na que a xente penduraba dos balcóns  monos brancos tisnados de negro. Daquela dos balcóns aínda caían labazadas  nas inconsciencias dos poderosos. Daquela, ata aquel día,  a min aínda me cabía no peito un chícharo de fe.

Aquel primeiro axustizado no que reparei, ( despois vin máis, os ollos acomódanse axiña a ver o  xa visto coa mesma técnica coa que descobren monstros na escuridade), vestía un daqueles monos tisnados, era alto, tiña pernas longas e ombros anchos , posuía un colo forte e ergueito, lucía arrogante mesmo naquela postura suicida, case subversivo  naquel aceno de gabear  coa súa perna esquerda ata no rigor mortis. Víase que fora alguén bravo e arroutado ata que lle puxeron aquel gorro vermello con pompón branco e o colgaron daquel balcón e fixeron del unha caricatura do que nunca máis ía ser.

Arderon moitas cousas dende entón, choveu moito dende aquela,  os seres colgados nas fachadas multiplicáronse coma piollos e chegaron a ser unha auténtica epidemia nos edificios de calquera rúa, a día de hoxe parece que a febre vai amainando, ter a un vello executando na ventá o baile do xamón xa non parece tan simpático, máis que nada por que todo o mundo ten un,  porque de tanto uso a realidade comeza a roer sen clemencia nos abelorios do disfrace,  porque xa se lles vestiu de todo, e porque xa se vulgarizou con todo o habido e por haber. Mais, aínda estamos infestados, e a dexeneración dos espíritos xa é moi evidente, non hai maquillaxe que dure tanto.  Cada ano os corpos expostos van  adelgazando, minguando, esvaecendo os contornos, van recuperando sen querer a esencia do que sempre foron; bonecos esguízaros, ridículos, sen clavículas nin cóbados, uns feixes de tea pendurados ao chou coma calquera bandeira, seres laxos, rendidos, submisos coma un exército de bailanacribas vendidos ao  refacho que máis lles encha o estómago, para bailar, bailar, e bailar, ao son da escorrentada das dignidades, e filtrar o vento por entre as suturas para  facer como que aínda están vivos.

Semella que iso é o que conta. Facer como que…. Amagar. Exhibir as intencións sen que cheguen nunca a concluír en nada.

Semella que nunca nada tivo a dimensión que parecía ter.

Semella que unha vez coñecido o modelo das labazadas xa abonda con mostrar o bosquexo da silueta dunha sombra reflectida dos refugallos dun nada que en realidade foi cuarto e metade de medio remuíño.

Semella que as manchas tenden a taparse as unhas ás outras, e que o lixo reciclado baixa tan suave polos tubos das depuradoras coma un caldo limpo por unha gorxa chagada.

Semella (iso din) que o mar aínda recende a mar se un sabe usar o nariz.

Pode ser, pero a min, sinceramente, cada día chéirame (todo) máis a prea.

(Ups! Me cahis! Doutora Seymour! non sabe canto llo sinto…  por entre as fendas dos dentes amables que luzo neste sorriso de noite de paz fuxíronme algúns pensamentos sen cribar…  A culpa é dos meus veciños, este ano colgaron do balcón as cabezas de todos os Papa Noel que decapitaron na última década, e xa ve…  deixeime levar… Pero nada, que estou moi arrepentida, e que bonito é todo !, e bo Nada(l)….e bla bla bla….)

COMA O CID CAMPEADOR

Posted by Seymour | Posted in Sen clasificar | Posted on 27-09-2009

Agardaba fronte aos empregados do banco que agardaban que se decidise a ingresar a cantidade decidida entre os dous avogados que decidiran que aquel era o mellor arranxo para afrontar a rehabilitación definitiva da súa credibilidade diante daquel pobo decidido que decidira non aturar máis actos delincuentes por parte dun gobernante que só era quen de ser decidido para decidirse a meter a man nos petos dos demais.

O pobo agardaba que aquela afronta que el lles fixera fora a última dunha morea de afrontas que os levara a afrontarse os uns cos outros coma se os culpables de que el non fose franco a tivesen os que o votaran francamente, e os dramaperiodistas agardaban un feito decisivo que provocara unha noticia provocativa nunha primeira páxina revolucionaria que traspasase as fronteiras ideolóxicas.

Diante de tanta expectación o gobernante decidiuse a dar un paso decisivo fronte aos que agardaban recuperar a confianza nun sistema confrontado para quitarlle a razón a todos os descridos e provocadores e anarquistas que non facían máis que amolar.

Sen pensalo máis, sacou do peto unha pistola provocando unha escorrentada entre os empregados do banco que o vixiaban a través do cristal de seguridade e afrontou a arma coa súa fronte provocándose a morte cun disparo pornográfico que deixou consternados aos que agardaban unha rendición ao uso. Retroactiva.

Despois do primeiro impacto os avogados reaccionaron e decidiron achegarse ao cadáver gobernamental que caira fronte a porta do banco e buscaron naquel rostro un aceno de remorso (aínda que fose cadavérico) co cal provocar os aplausos satisfeitos do pobo que tiñan en fronte, mais só atoparon o sorriso provocador do gobernante que aínda despois de morto ría de todos do mesmo xeito no que ás veces chove.

A cachón.

(El que en buen hora nasco los oios le fincava,

enbracó el escudo e abaxo el asta,

aguijó a Bavieca, el cavallo que bien anda,

ívalos ferir de corazón e de alma… (….)         Cousas do medievo…, Seymour…)