…E SETE LÚAS DE ACOUGO.

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 30-07-2007

El xoga as agachadas e durme para min as súas sestas eternas, os meus amenceres insomnes, e as miñas noites en vela, con ese respirar lento que é unha provocación consciente á miña vixilia.

Compráceme ver como actúa só para inflamar os meus cabelos e como gorenta sentir que fabrican un aire propio na cunca dos seus ombros, e viran nunha manchea de plumas que aloumiñan o interliñado sobre o que se suspenden os latexos dos meus peitos.

El sabe.
E salouca coma se o soño que durme fose axitado de máis e precisara deixar esa testemuña debuxada na corrente témpera que esvara entre os seus dentes antes de que a recolla nos meus beizos.
Eu sei.

E treme cando o meu padal saborea esa impaciencia respirando dentro del, consumindo todo osíxeno, mentres as ondas do meu cabelo estoupan contra o seu corpo, e ruxe a pel, e ispe o soño, e esperta enlazando toda ruta co capricho do seu tacto.

En ofrenda a min.

(Sete soles sen somníferos, D – o – u – t – o – r – a.)

(α) ALFA(β)BETA

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 11-06-2007

Devezo por ese día…
(hoxe)
no que roubes o libro das miñas mans,
e me ispas coma se me leses,
subliñando o adxectivo superlativo,
dun salouco,
(tolo)
e tolees
(de gozo)
para que escribas na pauta do meu padal,
a saborosa verba
( sen letras)
que traduce o silencio do teu ollar,
mentres reles
(en min)
cada liña
de cada poro…

(Bookcrossing, Doutora Seymour, nun cuarto para dous.)

A POSTURA DO ESCORPIÓN

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 18-05-2007

E fitei os seus ollos
e lembreime de ti,
e traguei o sorriso cunha dose de dor
e achegueime as súas mans
na procura de nada,
e cegou no meu bico coma se fose seu,
e fodemos no chan
na procura do amor,
e chorou no meu van cando o orballo fluíu,
e fuxín dos seus ollos
morrendo de ti,
e chuchei a súa sal bebendo o meu beizo,
e achegueime ao seu corpo
na procura de nada,
e atopou que o seu ombro axeitábase ao meu,
e deixei que a mamila
falara por min,
e ficamos calados, asombrados, os dous,
e xogando coas linguas,
engulímoste a ti.

(…chegará o día, Doutora Seymour, no que non morra por ninguén… e non sei se quero…)

60 MILÉSIMAS DE SEGUNDO

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 13-05-2007

Téntame o furtivo dos primeiros encontros, aquela dúbida inoculada en cada bico de despedida, o alento esvaecido, (escravo), a dependencia do ritual segredo, (tolo), a caducidade de cada verba prendida na seguinte, a eternidade do sabor na abstinencia interminable dun segundo ( tóxico), contaminándome de dor, pracer…

(…despois penso, Doutora Seymour, que quizais el nunca soubo ser furtivo dabondo para min, e que seguro que aquel segundo foi tan só un segundo, e que talvez o que me tenta é saber que son quen de tentalo se quero…máis nada…)

XAXÚN

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 26-04-2007

Aquela mañá (ás veces non quero oír) eu cantaba. Cando el chegou á cociña sorrinlle cómplice (sabíame fermosa despeiteada por el), e xoguei co pelo ao ritmo da música ata que acadei que se achegara onda min.

Nunca souben parar a tempo.

Apertoume co seu corpo contra as lousas da parede mentres eu saloucaba, afónica, a miña canción. A friaxe nas costas non fixo máis que acelerar o momento no que os meus cadrís ían cravarse nos del, e achegoume aínda mais, con firmeza, debuxándome no ventre o que ía vir despois.

Sentín a dozura da derrota, o aire da última estrofa bebeuno el con ansia mentres a súa lingua falaba co meu padal.
Souben do meu zume submiso, do tremor caníbal, do vórtice, do máis, (e máis), e todo, e a rabia, forte, feble, desesperada, do contaxio, do desexo, da necesidade, dentro, de devoralo fondo, para morrer no intento.

E trabei famenta nos seus beizos.

Entón afastoume uns centímetros e fitoume en silencio (uns segundos) provocando que a consciencia do pracer antropófago bombeara, tola, baixo a miña pel.

(Pechei os ollos e deixei que o meu colo esvarara cara atrás, (expondo a gorxa), Doutora Seymour, cedinlle a quenda, e el aproveitou. O amor non é cousa de dous, é auga dun espellismo.)