DÍA DE QUERER

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 25-03-2010

Volveu a anoarse no peito a nostalxia .

Hoxe non quere ser hoxe. Hoxe é un día de querer volver atrás. De querer asomarme á  ventá para comprobar que amparas a esquina da miña rúa e confirmar que os teus vaqueiros desgastados agardan polo meu despeiteado-meticuloso.

Hoxe é un día de gorentar tormentas. De querer enchouparse coma un pito. De querer acreditar que a chuvia dun día de semana ( reconvertido en domingo sindical), foi inventada (só) para que nolos dous nos afixésemos a camiñar xuntos sen paraugas. Sen burbulla. E sen tarxeta di- plo- má- ti- ca.

Hoxe é un día de querer acelerar os remuíños. De querer repetir sobremesa. De querer xogar a estoupar dúbidas. De querer soterrar covardías. De querer, e querer, e querer, que arrubie a vida tirana ata que zumegue azucre de amorodo. Amorodo. Amor. Sen. Odio.

Hoxe é un día de querer despeitearme coas  agullas do meu reloxo (só para ti). Hoxe é un día de querer que veñas (só a por min). Hoxe é un día de querer que me raptes (só a min), de querer secuestrarte (só a ti), de querer o teu amor irresponsable (só para min), de querer afundirme coma unha inconsciente (só en ti).

Hoxe é un día  de querer desordear-desordearme-desordearte-desordearnos, e afogarme-afogarte-afogarnos, soltando todos os cabos, sen salvavidas, nun desleixo victorioso.

E perdernos(nós) nos nosos nós.

E asasinar o mundo milimetrado.

E ser uns tolos.

Como antes.

(…e el sempre quere…, Doutora Seymour, por iso o quero.)

TRIBAL

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 22-11-2007

Poderíamos ignorar o mundo mentres o desexo nos tinxe a pel

de prata.

Poderíamos aniñar a verba máis fermosa no ceo da nosa

cama.

Poderíamos crear tormentas nunha noite

amansada.

Poderíamos nadar o un non outro na nosa saliva ata extenuar

as ganas.

Poderíamos entrar na cova do penúltimo beixo.
Poderíamos falar co alento da túa boca na miña boca na túa boca na miña boca.

Poderíamos bailar ata namorar á lúa na vertixe dunha curva

exacta.

(Dancemos…..)

UNHA HISTORIA DEGOLADA

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 02-10-2007

El (sempre) tiña a frase perfecta para taparme a boca

cando teimaba nalgún tema no que (el) cría que estaba

equivocada :

o que ti digas…”

( O día que atopou a maleta aberta enriba da cama e as súas cousas amoreadas nunha torre, quixo debater…, Doutora Seymour, mais eu xa estaba afeita a levar (sempre) a razón.)

CANTIGA ÍNTIMA

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 30-08-2007

Á luz da lámpada,
os meus dedos purgan o baleiro.

A danza das unllas conxura o teu oco na almofada,
e a pintura reflicte as sombras dos meus xogos imitando aos teus.

Ninguén da nada por nada,
miña man foi sempre máis pequena ca túa.

A paisaxe desta palma só abrangue a metade deste muro,
e as siluetas que debuxan non prometen máis do que son quen de dar.

( Doutora Seymour, ás veces un só ten…., números vermellos.)