RE-CICLADA´S (the show)

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 01-06-2009

(É a hora do xuramento. A muller coroada érguese do trono e camiña cara ao atril executando o baile da bolboreta. Despois achégase ao micrófono, sorrí, e cun simple movemento das súas mans fai que todas as presentes leviten.)

Meus prezados abrochos de invernadoiro, antes da entrega das orlas, levemos cara atrás os ombros, tensemos nádegas e abdominais, visualicemos a nosa meta, e recitemos xuntas os nosos mandamentos.
(todas)
Nós, reserva cárnica e material do ideal feminino, cumio da sensualidade intoxicada, aspiramos a chegar (algún día) ao fondo metálico desa sombra de ollos que nunca combinará coa tona imposible da nosa boca infiltrada.
Mentres, non desistir, non caer no desleixo. Compre:

1- Alimentarse por puntos.
2- Cronometrar as modas ,
3- Paralizar a liña dos cabreos.
4- Perforarse tódolos embigos.
5- Tatuarse tódalas calugas.
6- Escravizar os dous nocellos.
7- Incrustarse vinte unllas.
8- Desarraigar mil e un pelos.
9- Arrincarse un par de costelas.
10- Fritir corenta veces o pelello.
11- Inchar fociños.
12- Desinchar cadeiras.
13- Plastificar peitos.
14- Enxertar cabelos.
15- Infantilizar o pube.
16- Sobre actuar o sexo.

Estas son as directrices básicas, mais, como ser a muller perfecta non adoita ser tan doado, aceptamos con resignación que os mandamentos teñan que ser constantemente revisados e aumentados.

Hoxe tomamos os nosos votos, asinamos o noso compromiso e confirmamos a nosa fe cega en que todo sacrificio será re-compensado:

Prometemos submisión eterna fronte aos máis aberrantes desatinos, rendición ante a imposición estética dos canons, maquillar cada día os nosos miolos, sobrevoar a realidade dende un bo par de zapatos, loitar contra a rebeldía, e vencela coa fosforescencia láser dos nosos sorrisos modelo inferno-aclarado.

(Faise o silencio, a fe cega crea o espellismo dun eco místico nos espellos que adornan a sala . A muller coroada agarda uns segundos, abre os brazos, e entrega ao auditorio o lema que culmina o traballo feito durante tantos séculos . )

Este é o atallo…
(todas)
…. seguir as vellas rutas cambiando só o decorado.

(Un auditorio en éxtase, aplaude. Despois, como estaba previsto, a cerimonia… segue…)

(Coido que nos equivocamos de cursiño, Seymour, camiñe cara a porta con naturalidade, xa sabe, un pé xusto diante do outro coma se camiñase pola corda frouxa, disimule, que a prioridade agora é saír de aquí sen unha inxección de Botox no optimismo, despois xa me cantará as corenta aínda que sexa …asi… daquela maneira …)

DOUS ANOS-140 TERAPIAS

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 01-04-2009

Dous anos, aquí, así, aínda a unhas cantas burbullas (de mergullo) de saber se o principio foi por implosión, se a fin será só éter, ou viceversa.

Dous anos, aquí, e todos os do outro lado, e aínda persiste a teima de asociar os aniversarios con pequenas Apocalipses.

Dous anos, aquí, e todos os de alí, e aínda persiste a resistencia aos ultimatums (sobre todo aos propios).

Dous anos e a porta segue aberta, a chave…, aquí, alí, acolá, aló onde cada quen a atope.

Uns días daquel xeito, e outros daquela maneira, esta consulta parece que só ten sentido cando parece que xa non o ten.

Hoxe (para min) ten sentido ter un día…

así

(Grazas por vos achegar….. (aínda que ás veces non sexa doado))

ANTI(DO)TODO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 08-03-2009

Nunca merques unha leituga que non teña ningún

bicho, pero tampouco unha que estea inzada deles.

Os bichos son coma nós, chega un punto no que para

non morrer intoxicados afanse tanto ao veleno que

ata remata por saberlles.

( Iso di unha tía miña, agro-filósofa, Do…ut…ora.)

TENRA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 25-01-2009

Apaguei a radio do coche. Collín os papeis que chantara no asento de atrás. Pechei a porta con chave. Camiñei ata o ascensor que comunica os garaxes coas vivendas. Premín o botón. A frecha vermella que indicaba que o aparello baixaba non se acendeu, mais nuns segundos estaba alí, coma sempre. As portas automáticas abríronse. Entrei. As portas pecháronse silandeiras. Aproveitei a viaxe para fincarme no espello do fondo e fretar un pé contra o outro.
Esgotamento. Fastío.
Fame.
E a boca asolagouse de saliva só de pensar no bisté á grella que ía cear. As portas do ascensor abríronse fronte á porta da miña casa. Metín a chave na pechadura. Abrín. Entrei. Volvín a meter a chave. Pechei por dentro. Coloquei a cadea de seguridade. Asegurei os dous pasadores que colocara arriba e abaixo. Deixei as chaves enriba da consola do recibidor. Saquei os zapatos para sentir o pracer de camiñar sobre a alfombra de la vermella.
Fastío. Esgotamento
Suor.
Ducheime. Puxen por riba o albornoz púrpura. Achegueime ata a cociña. Abrín a porta da neveira. Biquei con agradecemento e amor a fronte xeada do penúltimo mesías. Despois cortei un bisté daquela perna esquerda que tanto me prestaba. El sempre dixera que estaba feito para os meus beizos de fada. Estaba no certo. Acendín o lume.
Salguei.
Cociñei.
E comín .

(Ás veces ser canibal dos meus pensamentos, dixerirme varias veces, axúdame á hora de saber a quen lle teño que pedir contas por ser como son. Doutora… Seymour… ofrecese voluntaria para unha cea íntima? Cociñar…, cociño…, eu. )

RITUAL

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 01-01-2009

Triangular o corpo.
Fretar as pálpebras, corrixir a postura, saudar ao ceo, cegar un minuto para sabelo todo.

Despois…

Abrir os ollos.
Esquecer unha pequena parte do aprendido, salvar esa pequena parte de inconsciencia e espontaneidade que me mantén unida ao que fun, ao que son, ao que quero ser.

Eu.

(Aproveitar a próxima lucidez en punto, Seymour, mentres tanto, ser (só), pel imantada…)

CATARSE (II round)

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 15-09-2008

Deixa que saque o abrigo e o tire onda sempre, non é desorde, é só

un exorcismo contra as parénteses xeadas.

Despois, se non é moito pedir, mentres corrixo o andar desleixado,

incinero o silencio, e recompoño a fe esfolada, … sérveme un grolo

do mesmo que estas tomando….

Xa case esquecera

o ben que me saben

as túas verbas máis acedas.

(Doutora Seymour, que tal? eu aquí…, introspectiva, meditando… como vostede me recomendou.)

TRANSO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 23-03-2008

As siluetas habituais do cuarto esvaecían a plena luz do mediodía dando paso á (auto)metamorfose das sombras nas baldosas do chan. O corpo (auto)durmido, debruzado en éxtase no sofá. As palmas das mans cara arriba, a medio (auto)pechar. As plantas dos pés fronte a fronte, as pernas (auto)abertas, como sempre lle dixeran que non se debía. As meniñas (auto)dilatadas, (auto)famentas da paisaxe que comezaba a (auto)debuxar.
E a boca entreaberta.
Un fío de cabelo na comisura.
Xogando coa saliva que (auto)segregaba a xerras, preparando o estómago para os recordos que ía (auto)invocar.
Ao seu carón o espertador (auto)programado para soar ás dúas menos cuarto. Deixando un cuarto de hora para
(auto)borrar os restos da (auto)nostalxia
antes de deixarse ver por ninguén.

(auto)Lembrou….(se)

(…por vontade propia, gozando do saboroso vicio, (auto)clandestino, Doutora, Seymour, …)

REALITYSOÑO CON BANDA SONORA ESQUIZOFRÉNICA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 06-02-2008

O que escoitei:
– O can!. Que alguén lle tape a boca! Sacádeo a mexar por deus !
– Marta, di mamá que te levantes que xa son as once.
– Hoxe é o meu día libre! oes mamá? libre!. Apaga esa aspiradora por favor!

O que maxinei:
Agochada debaixo dunha morea de mantas escoitou como a súa irmá saía do cuarto e lle dicía á nai que ela non a volvía a avisar. Marta xa presentía o que se lle viña enriba, e removíase incómoda entre as sabas preparándose para o enfrontamento. Aí viña. Aí estaba. Subindo a persiana e abrindo a ventá de par en par. A mesma historia de tódolos domingos. Mais aquel era especial, sabíao, aínda que facía como que non. Por iso non quería

espertar

O que escoitei:
– Quero durmir !
– E eu quería a lúa, e xa ves, quedei en nai dunha lunática. Fai o favor de saír da cama agora mesmo, a túa irmá xa leva en pé desde as nove.
– E que culpa teño eu de que sexa coma un gran no cu?. Por min como se se ergue as cinco da mañá. Déixame en paz!!

O que maxinei:
Ela sabía que no lle ía quedar outra que erguerse, mais resistíase. Agarrábase con unllas e dentes ao colchón, e sacaba un ollo por aquel sifón de polbo que fixera coa saba e a manta a modo de respirador, mentres buscaba o xeito de desactivar o ataque daquela nai tanque que lle tocara.

O que escoitei:
– Media hora. Só media. Xúrocho. Media hora, media hora. E xa me ergo e me visto en cinco minutos. De verdade, muller!!!
-Ata que no te vexa saír da cama non marcho, que xa coñezo o percal e imos chegar tarde…

O que maxinei:
A nai agardaba coas mans prendidas no van e un pé batendo no parqué. Marta ergueuse. Mirou para a roupa que preparara a noite anterior, e maldiciu a Antón. A Sofía. A aquel maldito crego. Aquela maldita voda. E sobre todo, maldiciuse ela mesma por ter sido tan parva, e por aceptar o xogo do tres eran tres… Fitou de esguello para a nai, que aínda non marchara do cuarto, e abriu a boca só para volvela a pechar. Ela non sabía nada. Ninguén sabía. Ninguén. Ni sequera Antón sabía que para ela o xogo fora o de dúas eran dúas.

O que escoitei:
– E agora porque choras?, que tes?
– ……………………………………………..

( As paredes de papel dan moito de si, Doutora Seymour, dan ata para un guión de telenovela cando un xa durmiu tanto que esgotou todos os soños que lle tocaban ese día.)

CRIBA E AREA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 23-01-2008

No patio de atrás…

(Non son quen de maxinar a un camelo pasando polo burato dunha agulla, Doutora Seymour, e tampouco un gran que quede sen pasar por esta peneira…)

COM….FOR….TA….B..L..E….

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 30-11-2007

…..se algunha vez cheguei a crer….adeus a ningunha benvida….. entón eu nunca dixen nada….. penas deformes……fodido pracer…………..eu non son quen…. …todo quedou nun tímido aloumiño ……é doado agasallar palabras torpes….un espacio en ningures… …eu sei….chora se queres…… racha a folla……..é doado agasallar…..o entusiasmo non suple a falta de todo…… un noxento cadrado dentro da verme círculo…. quebra o lapis……..nas mans o goce de espir os sentimentos…..nalgún intre coidei que alguén vía algo……entón

(….eu nunca dixen nada….Doutora….quebre o lapis…—…)