DÍA DE QUERER

Posted by Seymour | Posted in packmanterapia | Posted on 25-03-2010

Volveu a anoarse no peito a nostalxia .

Hoxe non quere ser hoxe. Hoxe é un día de querer volver atrás. De querer asomarme á  ventá para comprobar que amparas a esquina da miña rúa e confirmar que os teus vaqueiros desgastados agardan polo meu despeiteado-meticuloso.

Hoxe é un día de gorentar tormentas. De querer enchouparse coma un pito. De querer acreditar que a chuvia dun día de semana ( reconvertido en domingo sindical), foi inventada (só) para que nolos dous nos afixésemos a camiñar xuntos sen paraugas. Sen burbulla. E sen tarxeta di- plo- má- ti- ca.

Hoxe é un día de querer acelerar os remuíños. De querer repetir sobremesa. De querer xogar a estoupar dúbidas. De querer soterrar covardías. De querer, e querer, e querer, que arrubie a vida tirana ata que zumegue azucre de amorodo. Amorodo. Amor. Sen. Odio.

Hoxe é un día de querer despeitearme coas  agullas do meu reloxo (só para ti). Hoxe é un día de querer que veñas (só a por min). Hoxe é un día de querer que me raptes (só a min), de querer secuestrarte (só a ti), de querer o teu amor irresponsable (só para min), de querer afundirme coma unha inconsciente (só en ti).

Hoxe é un día  de querer desordear-desordearme-desordearte-desordearnos, e afogarme-afogarte-afogarnos, soltando todos os cabos, sen salvavidas, nun desleixo victorioso.

E perdernos(nós) nos nosos nós.

E asasinar o mundo milimetrado.

E ser uns tolos.

Como antes.

(…e el sempre quere…, Doutora Seymour, por iso o quero.)

EXERCICIO Nº 32

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 15-03-2010

a arte é coma o cristal dunha venta. algunhas persoas case nunca reparan nela. para elas é transparente ou só reflicte cousas ao azar. para outras significa o mundo. ámana, paran e fitan para ela, por qué  dentro vense  a si mesmas.

hera

(…dobre cristal… )

AGARDO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 08-03-2010