NADA(L)

Posted by Seymour | Posted in Sen clasificar | Posted on 24-12-2009

a41b042a81 A primeira vez que vin de cerca un Papa Noel aforcado coincidiu coa época na que a xente penduraba dos balcóns  monos brancos tisnados de negro. Daquela dos balcóns aínda caían labazadas  nas inconsciencias dos poderosos. Daquela, ata aquel día,  a min aínda me cabía no peito un chícharo de fe.

Aquel primeiro axustizado no que reparei, ( despois vin máis, os ollos acomódanse axiña a ver o  xa visto coa mesma técnica coa que descobren monstros na escuridade), vestía un daqueles monos tisnados, era alto, tiña pernas longas e ombros anchos , posuía un colo forte e ergueito, lucía arrogante mesmo naquela postura suicida, case subversivo  naquel aceno de gabear  coa súa perna esquerda ata no rigor mortis. Víase que fora alguén bravo e arroutado ata que lle puxeron aquel gorro vermello con pompón branco e o colgaron daquel balcón e fixeron del unha caricatura do que nunca máis ía ser.

Arderon moitas cousas dende entón, choveu moito dende aquela,  os seres colgados nas fachadas multiplicáronse coma piollos e chegaron a ser unha auténtica epidemia nos edificios de calquera rúa, a día de hoxe parece que a febre vai amainando, ter a un vello executando na ventá o baile do xamón xa non parece tan simpático, máis que nada por que todo o mundo ten un,  porque de tanto uso a realidade comeza a roer sen clemencia nos abelorios do disfrace,  porque xa se lles vestiu de todo, e porque xa se vulgarizou con todo o habido e por haber. Mais, aínda estamos infestados, e a dexeneración dos espíritos xa é moi evidente, non hai maquillaxe que dure tanto.  Cada ano os corpos expostos van  adelgazando, minguando, esvaecendo os contornos, van recuperando sen querer a esencia do que sempre foron; bonecos esguízaros, ridículos, sen clavículas nin cóbados, uns feixes de tea pendurados ao chou coma calquera bandeira, seres laxos, rendidos, submisos coma un exército de bailanacribas vendidos ao  refacho que máis lles encha o estómago, para bailar, bailar, e bailar, ao son da escorrentada das dignidades, e filtrar o vento por entre as suturas para  facer como que aínda están vivos.

Semella que iso é o que conta. Facer como que…. Amagar. Exhibir as intencións sen que cheguen nunca a concluír en nada.

Semella que nunca nada tivo a dimensión que parecía ter.

Semella que unha vez coñecido o modelo das labazadas xa abonda con mostrar o bosquexo da silueta dunha sombra reflectida dos refugallos dun nada que en realidade foi cuarto e metade de medio remuíño.

Semella que as manchas tenden a taparse as unhas ás outras, e que o lixo reciclado baixa tan suave polos tubos das depuradoras coma un caldo limpo por unha gorxa chagada.

Semella (iso din) que o mar aínda recende a mar se un sabe usar o nariz.

Pode ser, pero a min, sinceramente, cada día chéirame (todo) máis a prea.

(Ups! Me cahis! Doutora Seymour! non sabe canto llo sinto…  por entre as fendas dos dentes amables que luzo neste sorriso de noite de paz fuxíronme algúns pensamentos sen cribar…  A culpa é dos meus veciños, este ano colgaron do balcón as cabezas de todos os Papa Noel que decapitaron na última década, e xa ve…  deixeime levar… Pero nada, que estou moi arrepentida, e que bonito é todo !, e bo Nada(l)….e bla bla bla….)

UN NÓ NO NOBELO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 09-12-2009

pilula para soidades Estaban só un con cada un. A lúa sabía a vozka con lima.  No fondo do vaso a fame de pel multiplicaba as dioptrías do amor.

A noite era perfecta, no ceo daquel antro un cumulonimbo de nicotina  tecía no celme dos peitos o salouco dunha onda a piques de tirarse ao mar.

Achegáronse ao cantil e pediron outra do mesmo para alimentar aquel romanticismo de condóns no fondo do peto.  Mais afogaron na covardía.  Baleiraron a botella só un dentro de cada un. Foderon o seu propio padal ata que ficaron fartos de si mesmos.

Despedíronse o un do outro, en silencio,  sobrios de mais, sen un só bico que botarse á boca, bébedos de resaca, outra vez.

(O amencer esquecera o abrigo, Seymour, as rúas recendían a azul antártico. )