COMA O CID CAMPEADOR

Posted by Seymour | Posted in Sen clasificar | Posted on 27-09-2009

Agardaba fronte aos empregados do banco que agardaban que se decidise a ingresar a cantidade decidida entre os dous avogados que decidiran que aquel era o mellor arranxo para afrontar a rehabilitación definitiva da súa credibilidade diante daquel pobo decidido que decidira non aturar máis actos delincuentes por parte dun gobernante que só era quen de ser decidido para decidirse a meter a man nos petos dos demais.

O pobo agardaba que aquela afronta que el lles fixera fora a última dunha morea de afrontas que os levara a afrontarse os uns cos outros coma se os culpables de que el non fose franco a tivesen os que o votaran francamente, e os dramaperiodistas agardaban un feito decisivo que provocara unha noticia provocativa nunha primeira páxina revolucionaria que traspasase as fronteiras ideolóxicas.

Diante de tanta expectación o gobernante decidiuse a dar un paso decisivo fronte aos que agardaban recuperar a confianza nun sistema confrontado para quitarlle a razón a todos os descridos e provocadores e anarquistas que non facían máis que amolar.

Sen pensalo máis, sacou do peto unha pistola provocando unha escorrentada entre os empregados do banco que o vixiaban a través do cristal de seguridade e afrontou a arma coa súa fronte provocándose a morte cun disparo pornográfico que deixou consternados aos que agardaban unha rendición ao uso. Retroactiva.

Despois do primeiro impacto os avogados reaccionaron e decidiron achegarse ao cadáver gobernamental que caira fronte a porta do banco e buscaron naquel rostro un aceno de remorso (aínda que fose cadavérico) co cal provocar os aplausos satisfeitos do pobo que tiñan en fronte, mais só atoparon o sorriso provocador do gobernante que aínda despois de morto ría de todos do mesmo xeito no que ás veces chove.

A cachón.

(El que en buen hora nasco los oios le fincava,

enbracó el escudo e abaxo el asta,

aguijó a Bavieca, el cavallo que bien anda,

ívalos ferir de corazón e de alma… (….)         Cousas do medievo…, Seymour…)


ALGO ESTACIONAL

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 21-09-2009

choiva-pilulasEsta pel precisa curtirse con urxencia, quere fuxir do inverno que ameaza, e quere esconxurar o tacto doce e tenro de máis co que a intermitente ausencia de sol a disfraza de boísima veciña . Esta epiderme espreita cos cairos ao descuberto (dende debaixo do inminente impermeable) ao fato de borrascas que a acurralaran contra á sufrida bata nórdica que a acubillará nos meses escuros. Máis luz!

Aviso. A estas alturas do ano, esta capa córnea, corre o risco de caer nas redes dun solarium, e darse un enchente de melanina, sen protector.

A estes poros o verán non lle soubo a case nada, aínda teñen sede de salitre, fame de área, e un terrible síndrome de abstinencia por perpetrar (contigo) unha falsa sesta no embigo dunha duna.

Nunha toalla compartida.

Nesa praia que aínda agarda (por nós).

Entre A Garda.

E Ribadeo.

( Setembro pide a gritos ser fulminado do calendario, Doutora Seymour, o verán baila a súa danza do cisne mentres eu lembro como me cantaban en agosto… I´m your man…. )


UTÓPICA (II)

Posted by Seymour | Posted in utópica | Posted on 14-09-2009

corazon-de-rocha

Quizais o que fai falta é que pase moito tempo, agardar a que os símbolos sexan outra vez un misterio.

Daquela, quizais, volveremos a recuperar a necesidade.

De entendernos.

(Chousa deixou na nosa Shangri-la, unha fermosa sinatura de pedra.)

EXERCICIO Nº 27

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 07-09-2009

hope-ii-gustav-klimt

Gustav Klimt – Hope II

“Chegará un día en que os nosos fillos, cheos de vergonza, recordarán estes días estraños nos que a honestidade máis simple era cualificada de coraxe.”

(Yevgeny Yevtushenko)

(……….)