ULTRA-LIXEIRO (terapia de verán) I

Posted by Seymour | Posted in ultra-lixeiro (terapia de verán) | Posted on 23-06-2009

Eu sempre quixen voar agarrada á corda dun globo de feira e traspasar a liña dos cables da corrente e mirar para abaixo para ver se distingo as miñas pegadas das dos demais.
Vino nunha ilustración dun libro de lectura do colexio hai algunhas décadas, e aínda que hoxe xa non é nada orixinal, (moitos o tentaron con resultados máis ou menos afortunados, ¿limos todos o mesmo libro?) teño esa idea incrustada na cabeza dende entón.

EXERCICIO Nº 26

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 08-06-2009

“(…) o di un veterano, se a súa ortografía maila súa gramática son desastrosas, vostede non pode escribir unha historia brillante e espléndida. Quen non sabe usar a serra e o martelo non fabrica mobles magníficos.

Aínda se vostede foi aplicado no colexio, desenvolveu o seu vocabulario, sabe deletrear “sacrilexio” e “sobreser” e nunca di “entre vostede e meu” ou “ nunca non fixen nada”, iso non basta. Están tamén a estructura sutil da oración e a construcción estilística do parágrafo. Está o entrelazado intelixente da trama, o manexo dos diálogos e milleiros de outros enredos. (…)”

Isaac Asimov


(… entre vostede e meu, Doutora Seymour, ….., ponme medo escribir a lista da compra. Maxine que me cae na cola da caixa do hiper, e que a le o(a) Asimov(a) de turno que está detrás! Existirá o papel comestible, ou un papel que ao chegar ao chan esvaeza ao instante por autocombustión? Existirá un ceo para os gramatoortografodesleixados? Diga que si, míntame se é preciso, que eu quero crer… )

RE-CICLADA´S (the show)

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 01-06-2009

(É a hora do xuramento. A muller coroada érguese do trono e camiña cara ao atril executando o baile da bolboreta. Despois achégase ao micrófono, sorrí, e cun simple movemento das súas mans fai que todas as presentes leviten.)

Meus prezados abrochos de invernadoiro, antes da entrega das orlas, levemos cara atrás os ombros, tensemos nádegas e abdominais, visualicemos a nosa meta, e recitemos xuntas os nosos mandamentos.
(todas)
Nós, reserva cárnica e material do ideal feminino, cumio da sensualidade intoxicada, aspiramos a chegar (algún día) ao fondo metálico desa sombra de ollos que nunca combinará coa tona imposible da nosa boca infiltrada.
Mentres, non desistir, non caer no desleixo. Compre:

1- Alimentarse por puntos.
2- Cronometrar as modas ,
3- Paralizar a liña dos cabreos.
4- Perforarse tódolos embigos.
5- Tatuarse tódalas calugas.
6- Escravizar os dous nocellos.
7- Incrustarse vinte unllas.
8- Desarraigar mil e un pelos.
9- Arrincarse un par de costelas.
10- Fritir corenta veces o pelello.
11- Inchar fociños.
12- Desinchar cadeiras.
13- Plastificar peitos.
14- Enxertar cabelos.
15- Infantilizar o pube.
16- Sobre actuar o sexo.

Estas son as directrices básicas, mais, como ser a muller perfecta non adoita ser tan doado, aceptamos con resignación que os mandamentos teñan que ser constantemente revisados e aumentados.

Hoxe tomamos os nosos votos, asinamos o noso compromiso e confirmamos a nosa fe cega en que todo sacrificio será re-compensado:

Prometemos submisión eterna fronte aos máis aberrantes desatinos, rendición ante a imposición estética dos canons, maquillar cada día os nosos miolos, sobrevoar a realidade dende un bo par de zapatos, loitar contra a rebeldía, e vencela coa fosforescencia láser dos nosos sorrisos modelo inferno-aclarado.

(Faise o silencio, a fe cega crea o espellismo dun eco místico nos espellos que adornan a sala . A muller coroada agarda uns segundos, abre os brazos, e entrega ao auditorio o lema que culmina o traballo feito durante tantos séculos . )

Este é o atallo…
(todas)
…. seguir as vellas rutas cambiando só o decorado.

(Un auditorio en éxtase, aplaude. Despois, como estaba previsto, a cerimonia… segue…)

(Coido que nos equivocamos de cursiño, Seymour, camiñe cara a porta con naturalidade, xa sabe, un pé xusto diante do outro coma se camiñase pola corda frouxa, disimule, que a prioridade agora é saír de aquí sen unha inxección de Botox no optimismo, despois xa me cantará as corenta aínda que sexa …asi… daquela maneira …)