PAN, XOLDIÑA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 24-12-2008

Do único que me privei á hora de completar o meu look festivo foi dun peite no cumio da cabeza a xeito de cometa post moderno, e se cadra tamén dunha grilanda de acivro plástico e uns cantos leds ao redor do pescozo, mais aínda así non desmerecía nada fronte a calquera fachada de calquera grande almacén. Fun feita un pincel á cea de empresa deste Nadal.
Cheguei e arrasei, non botara tanto tempo reciclándome para pasar inadvertida, entrei no restaurante cantando Noite de paz, noite de amor, movéndome entre os compañeiros ao ritmo dunha coreografía de Tai-Chi ata chegar ao carón do meu xefe de departamento.

– Vaia, alédome de que ao final decidise vir.- mentía, a mentira vai barata.
– Nunca dubidei de que esta noite tiña que estar aquí, xefe… – dicía a verdade, sempre fun moi sibarita.

E como estaba escrito, sentáronme no grupo Stigma, o dos trepas esnafrados, dos miñaxoias, dos revirados, e algún que outro da lista de pre xubilacións voluntarias… do ano que ven. Alí estabamos todos os que tiñamos máis papeletas de ser extirpados, alí aboiábamos, nese recuncho paradisíaco das ceas de empresa onde o viño non ten tanta categoría como na zona V.I.P, pero onde o avituallamento é continuo para que o sorriso sexa ancho e non se lle dea a noite a ninguén con algún que outro aceno amargo que poida fuxir , sen querer, dalgunha faciana rancorosa.

Axiña confraternizamos os uns cos outros, éramos unha illa invisible naquel salón, xa que logo, entre prato e prato, desafogámonos a gusto quitándolle a pel á cúpula de directivos e xefeciños, e a todo o que puxese sorriso de estrinxido mentres chuchaba as conchas dos mexillóns á vinagreta. Na cea deste ano houbo moito viño de cuarta servido en escanciador, e moito mexillón á vinagreta, e moito lagostino enfiado nun palillo, pero nada para enzoufar os dedos e darlle un uso digno á cunca de auga con limón.
Había que pasar o tempo con algo.

Para cando nos serviron as racións de Selva Negra e puxeron na mesa o cava e os licores, xa convertéramos o chan do salón aquel nunha lagoa de sangue, e as gargalladas que saían da nosa mesa comezaban a transparentar tanto a nosa sede de vinganza, que pasamos de ser un recuncho marxinal a ser o centro dunha morea de inquedas olladas de esguello. Un de recursos humanos foi solicitado pola xerencia, supoño que para que puxera un pouco de orde. Mais xa era tarde. O grupo Stigma botaralle licor café á Selva Negra, e aceptou con entusiasmo a miña proposta de mosca sen cornos e sen aguillón, que saíra da casa vestida para morrer amolando, e parapetados detrás do meu look abrasivo collémonos os uns aos outros do van, e comezamos a rodear as mesas cantando o tren que me leva pola beira do Miño, me leva e me leva polo meu camiño…
Alguén máis quixo unirse, pero sempre houbo outro alguén que lle tirou dun brazo para que quedase sentado. Os superviventes adoitan salvarse entre eles para ter sempre isco co que encherlle o ollo, chegado o caso, ata a un megalodon.

O tren vai andando pasiño a pasiño, e vaime levando cara o meu destiño… O noso destiño estaba escrito, eramos donos do noso destiño, o grupo Stigma rodeou un mar de gravatas de marca e fíxolle un corte de manga á mesa presidencial.

Foi un reconfortante haraquiri en grupo.

(Os extirpados quedamos en atoparnos a primeiros de ano ás portas do limbo, Seymour, se lle apetece unirse… Alguen pode ser que me espere na estación, na terra da felicidad…)

NECROSE

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 15-12-2008

Piñeiros crucificados,
con catro puntas enferruxadas…

Liques suicidas,
soterrados baixo saias desleixadas…

Libélulas dinosauro,
incubando catro fetos de araña…

Soles supernova,
reflectidos nun papel de prata…

Regatos irisados,
no que zumegan catro moscas amargas…

Toxos violados,
inmolando espiñas escarmentadas…

Amanitas radioactivas,
aleitando catro curuxas envelenadas…

Prados inseminados,
co orgasmo dunha bolsa plástica…

Vermes con cairos de cobra,
afían os cantos das catro vinganzas…

(Mentres a besta lambe o seu embigo …, Seymour)

MANIA PERSECUTORIA

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 09-12-2008

Os fabricantes de almofadas saben con quen facemos o amor…
Os fabricantes de lixivia saben con quen fodemos…
Os fabricantes de lentes para o sol saben a quen amamos…
Os fabricantes de aneis de compromiso saben a quen queremos foder…

(Seymour, non mire agora, pero coido que ás pisadas que escoitamos detrás de nós dirixen os nosos pés do mesmo xeito que un mal director dirixe a un mal actor nunha película pésima…)

EXERCICIO Nº 19

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 01-12-2008

“(…)
– Aquí di – entoou Michael – que se seis monos foran colocados diante de seis máquinas de escribir e mecanografaran durante un espacio de tempo suficiente, mecanografarían con exactitude todas as palabras de Shakespeare. Tempo é algo do que dispomos a moreas. Tentémolo, Kitabel, e vexamos canto tempo tarda.
– ¿Qué é un mono, Michael?
– Non sei.
– ¿Qué é unha máquina de escribir?
– Non sei.
– ¿Qué é Shakespeare, Michael?
– Todo o mundo pode facer preguntas, Kitabel. (…)”

(Moito, moito tempo – R.A. Lafferty)

(Que é un mono, Doutora Seymour? Que é unha maquina… de… escribir…?…)