SOBRE O SILENCIO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 25-11-2008

Se na próxima labazada non me atopas no epicentro dos teus dedos, nin reptando entre o rastro dos teus dentes, nin enguedellada no encaixe da eterna violación, é porque no teu

último asalto quedoume nas mans o derradeiro anaco da túa máscara e volvín a ser muller rizo, muller escuma expandida, que descubre ao mundo a cova na que acubillas, matinando as estratexias da túa guerra, esa na que maxinas que perdo, só porque ata o de agora calei.

(Subsistes de silencios, e dos que non queren escoitar. Porén, a voz teimará, entoará máis forte e máis alto ata que todos saiban quen son eu, e quen es ti sen o teu complice.)

CAMISA DE CANGREXO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 09-11-2008

“Nada é permanente a excepción do cambio.”

Heráclito

(Saber que un é multi-direccional máis aló da teoría, ¿non ten volta atrás?, atopar desculpa ao conformismo, ¿xa non é tan doado? Si, non, depende, non sabe, ou non contesta, ¿Seymour?)

MILLONARIA: TERAPIA CLASIFICADA $

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 03-11-2008

Proposta de terapia enviada por Ra, lixeiramente pervertida baixo a miña responsabilidade pensando sempre no beneficio e proveito da paciente :
– Tema da terapia: a paciente será unha millonaria extravagante (léase isto como redundancia consentida) sen saber que se trata dunha terapia.
– Fin da terapia: obter datos sobre canto tempo tarda a paciente millonaria en traizoar os seus ideais máis os seus principios de pobre de toda a vida, e ata que punto é quen de chegar.
– Materiais utilizados na terapia: simplemente unha morea de papeis que ela cre de curso legal.

Notas e observacións:
1- Nos primeiros intres, cando é posta en situación, a paciente cústalle afacerse a que os bancos son entidades amigas, e que non hai limite na súa tarxeta. Unha vez que comproba que non hai motivo para o temor aos números vermellos, axiña deixa de mirar o prezo de calquera producto que lle chame a atención. Comeza a mercar e a agasallar sen tino.
2- A paciente ao mesmo tempo que comeza a ser consciente da súa fortuna aínda mantén unha conexión co seu pasado, e comeza a elaborar unha lista con eses problemas e inxustizas que sempre dixo que se tiña cartos ía solucionar. A intención de cumprir, e a escrita da lista fana sentir ben. É solidaria. É boa xente. Ela non é das que decepcionan.
3- O tempo de asimilación da nova situación é curto, nesta terceira etapa a paciente xa ten como normais certos hábitos. Exemplos: vivir nunha mansión, ter empregados 24h ao seu servizo, conducir un Lamborghini Morcego, viaxar no seu propio jet, aloxarse na mellor suite dos mellores hoteis, lavarse o cabelo con auga Bling H2O, ser recibida en calquera parte cunha reverencia, un bico na man, ou un sorriso de orella a orella, etc…etc… De cando en vez aínda bota unha ollada á lista de problemas e inxustizas, mais non atopa tempo, quere facelo tan ben que antes ten que buscar quen a asesore como é debido e organizar o asunto.
4- Malia que os millóns semellan ser tantos, comeza a pensar que nunca son abondo, e comeza a desconfiar de que o que paga de impostos sexa xusto. Comeza a investir en asuntos dos que non ofrece moita información e traspasa cartos a contas estrañas en países estraños. Comeza a por en dúbida a utilidade de seguir visitando esta consulta, e por primeira vez dende que a coñezo afirma que está corda.
5- Chegado a este punto xa non conserva amizades dos vellos tempos alegando que ela é a de sempre, que os que cambiaron foron os demais, que todo o mundo lle ten envexa, que todo o mundo quere aproveitarse dela, e que todo o mundo quere facerlle mal. De cada vez atópase máis cómoda e integrada no reducido círculo dos poderosos, todos eles belísimas persoas que a opinión pública mal interpreta e critica de seguido, sen entender que eles fan todo por ben do ben común. De cando en vez non responde ás miñas chamadas, e cando o fai só é para dicir que está moi ocupada.
6- Como demostración da súa humanidade e para tapar algunhas bocas, róuballe algo de tempo ao seu tempo de lecer, e recupera a súa lista de problemas e inxustizas, e asesorada por un gabinete experto en doazóns proveitosas para todos, doa varios millóns para causas varias. De cando en vez visita aos que recibiron as doazóns, e de cando en vez fai declaracións un tanto politicamente incorrectas. Asesorada, segue doando. A prensa faise eco. Ninguén se pregunta de onde saen eses fondos. A ONU noméaa embaixadora. A prensa faise eco. Alguén lle di que o seu nome comeza a soar para o Príncipe de Asturias da concordia. Ela, póla súa banda, comeza a crerse o seu propio conto e comeza a soñar cun Nobel feito á súa medida. Vese xusta e digna gañadora de todas as honras coas que queiran honrala.
7- Nesta etapa xa cre firmemente (aínda que só se sincera na intimidade, cos seus iguais) en que os danos colaterais son un mal menor, que as guerras preventivas son necesarias, que existen os exércitos humanitarios, que a represión garante a liberdade, e que a liberdade como os cartos só deben estar na man duns poucos para que a multitude non os desvalorice.
8- Chegados a este punto, e antes de que a terapia dexenere nunha fervenza de feitos que é de todos coñecida, por habitual, considero que a terapia debe concluír. A hipótese inicial que eu daba como máis probable, demostrouse. A miña paciente non é mellor co resto dos mortais. Se cadra é peor do que eu pensaba. Cando lle quito o feixe de papeis e lle notifico que a terapia xa chegou ao seu fin, a paciente negase a sair do transo e a reaccionar. Polo seu ben, véxome na obriga de devolvela á realidade de súpeto. Entra en shock.
9- Despois dun longo período de recuperación, a súa reacción á miña primeira visita é sumamente violenta e desagradable. A segunda tamén. Padece un síndrome de abstinencia de ex millonaria, brutal.

Primeiras impresións(avaliación sosegada aínda pendente): Os resultados esguízaros conseguidos en tantos anos de terapia privada, e neste ano e pico de terapia compartida, estiveron a piques de irse ao garete ao completo. Non dou á paciente como irrecuperable, mais é moi posible que de cando en vez as súas arroutadas sexan aínda menos edificantes do que xa adoitaban ser.

(Nota á marxe: Seguimento pormenorizado da evolución. Valorar se na próxima visita se lle poden retirar os cintos e o bozo. Se é necesario, hiperdose de choque para que a paciente poña os pés no chan. Terapia en corentena?; depende de se alguén máis quere probar… por probar… )