EXERCICIO Nº 18

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 28-10-2008

“(…)
Para aproveitar o repouso imposto, procurei pracer nas grandes obras literarias, unha lista obrigatoria que tiña a intención de ler dende había uns corenta anos. Eludindo arbitrariamente a Tucídides, aos mozos Karamazov, os diálogos de Platón e as madalenas de Proust, ataquei a Divina Comedia de Dante en formato de peto, agardando poder recrearme en retablos de pecadoras de trenzas negras, como acabadas de saír do catálogo de Victoria´s Secret, que ondularan case espidas e envoltas en xofre e cadeas. Por desgracia, o autor, obsesionado coas grandes dúbidas, arrincoume axiña do vaporoso soño erótico, e atopeime deambulando polo averno, onde o personaxe máis lascivo que difundía a cor local era Virxilio. Xa que eu tamén teño algo de poeta, marabilloume a brillantez coa que Dante estructurara ese universo subterráneo con só uns cantos desertos para os malfeitores desta vida, reunindo a covardes e canallas de diversa calaña, e asignando a cada un o seu correspondente nivel de eterno sufrimento.

Só ao rematar o libro caín na conta de que se omitira

toda mención específica aos contratistas de obras, e coa psique vibrando aínda coma uns pratos polo recordo dunhas reformas emprendidas uns anos antes, sucumbín sen remedio á nostalxia. Todo comezou coa adquisición dunha pequena casa de pedra avermellada no Upper West Side de Manhattan….. (…)”

(“O sol non sae para todos ” – Pura Anarquía – Woody Allen)

(A miña lista de grandes obras literarias pendentes de ler, Doutora Seymour, ponme medo. Ten dentes e cairos e gadoupas, deixeina medrar de máis, e agora é cuspidiña a Godzilla e mírame con rancor, ameazando con lembrarme quen sabe que reforma feita ás presas en quen sabe que escuro intre do meu escuro pasado lector… que polo visto quixen esquecer…)

TORBOADA TRANSITORIA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 20-10-2008

Ás veces os peixes non poden facer outra cosa que remonta-la resaca para manterse a salvo da forca das algas e do gume das rochas. Cando os barcos afunden e os corpos son engulidos sen piedade, e os ollos espreitan con temor ancestral, e cada paso dado é unha cambadela cara atrás, e unha bágoa é un maremoto estoupando no mesmo centro dos fastíos soterrados, é cando os infernos cospen ao rostro os cadáveres escondidos, os mastros roídos, e as redes tecidas con fíos de chumbo.
Os peixes no inferno, ás veces, compórtanse como ondas, e poden querer baleirarse por completo para purgar coa escuma dun exercito de cabalos desbocados todas as miserias que se amorearon, e pretender debuxar o perfil branco e sólido da súa ira. Mais o vento que elas mesmas producen fíren a pel escamada. O que nun tempo foron cálidos murmurios poden chegar a ser coitelos seccionando mandíbulas e gorxas, que deixan expostos os berros enxordecedores do fondo primitivo que tantos eóns custou agochar baixo a sofisticación do pensamento adestrado.
Todo iso pode acontecer, ás veces, mais despois de chegar ao cumio da tormenta, cando os peixes comproban unha vez máis que volven a ser superviventes da súa propia impotencia, o único que queda é o éxtase íntimo da primeira inspiración na calma, os remuíños da consciencia afundíndose nas branquias esgotadas, as bocas borboriñando a pulmón a elexía eterna da reconciliación cun mesmo.

Mentres, o mundo de aceiro ancorado en xeo firme semella alleo a este vaivén.

(Doutora Seymour….vémonos na próxima tempestade…)

DECOHERENCIA

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 13-10-2008

Hoxe vin onte póla fiestra, e non podo xurar que eu estivese alí. Pasado mañá podo volver a mirar e comprobar que morrín onte.
Hai un segundo que esta atalaia estaba chea de buscadores de ouro na procura da centésima seguinte á milésima anterior. A desorientación era máxima. Todos desistimos da tentativa ata a próxima conxunción de esperanza e desespero…

(Non me pregunte nada, Seymour, só abra a ventá e mire a ver se alguén sabe o que foi de min.)

EXERCICIO Nº 17

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 05-10-2008

“Non creo nas palabras aínda que as xunte o home máis destro. Creo na linguaxe, que é algo que está máis alá das palabras, algo do cal as palabras non ofrecen máis que unha inadecuada ilusión. As palabras non existen separadamente como non sexa nos miolos dos eruditos, filólogos, etimólogos, etc. As palabras divorciadas da linguaxe son cousas mortas e non entregan segredos.”

“Gustaríame que as miñas palabras fluíran na mesma dirección que flúe o mundo, nese movemento de serpentina a través de incalculables dimensións, eixes, latitudes, climas, condicións. Acepto a priori a miña incapacidade para realizar semellante ideal e isto non me preocupa o máis mínimo. En última instancia, o mesmo mundo está preñado de fracaso, é a manifestación perfecta da imperfección, da conciencia do fracaso. E ao comprender isto, o mesmo fracaso queda eliminado.”

(A sabedoría do corazón – Henry Miller)

Creative world

(Palabra, word, parola, mot, palavra, parole, wort, hitz, слово, كلمة, uttrycka, 単語, λέξη, woord….., acepto a priori a miña incapacidade, Doutora, Doctoresse , Doctora, Dottoressa, Doktor, γιατρός, 医者,…, Say… more…)