CHAFARIZ

Posted by Seymour | Posted in packliteraterapia | Posted on 29-09-2008

Ás veces, cando non sabes que te miro, escáneo cada aceno das túas mans preguntándome se algún día cravarás un dobrón de ouro na nosa almofada.
Non sei.
Quizais tería que dicirte agora mesmo que xa me aburre a túa máscara de capitán Ahab, que eu non moverei un dedo para facerme co prezado tesouro, que eu non estarei aquí cando te decidas a ofrecermo porque xa hai moito tempo que gastei todo o meu descambiado tirándoo nese pozo (dos desexos) no que se converteu o ventre branco da balea que sempre estivo varada aos nosos pés.

As miñas bágoas non valeron ren, o teu ouro nunca valeu nada.

(Que era exactamente o que había cravado no mastro do Pequod, Doutora Seymour, que é exactamente o que tira a xente aos pozos …?)

BRINCADEIRA

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 21-09-2008

O xogo das perlas;
entre todos rachamos o colar, e ninguén se abaixa a recollelas.

O xogo do funil;
eu quítoche media razón a ti, e ti quítasme media razón a min, cada quen queda co 100% da (sen)razón absoluta.

O xogo da bolboreta;
cada quen agocha a súa verme (re)inventando o concepto de beleza.

O xogo dos pousa vasos;
vaso cheo mata en L, vaso mediado mata de lado, vaso baleiro só se defende. Alguén debuxou un taboleiro macabro na mesa de cristal.

(Eu aposto todo ao cero. Que lle quere Seymour, son humana, son ludópata por instinto de (super)(auto)destrucción.)

EXERCICIO Nº 16

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 15-09-2008

“A linguaxe require afinación, coma un violín: do mesmo xeito que demasiadas vibracións ou demasiado poucas na voz do cantante ou no tremor da corda falsean a nota, así demasiadas palabras ou demasiado poucas estragan a mensaxe.”

“Na arte as boas intencións non teñen o menor valor. Toda a mala arte naceu de boas intencións.”

(De Profundis – Oscar Wilde)

(Velaí a panacea universal, Doutora Seymour, desafinar e dicir que a intención era boa… Que tire a primeira pedra quen non cantou algunha vez?)

CATARSE (II round)

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 15-09-2008

Deixa que saque o abrigo e o tire onda sempre, non é desorde, é só

un exorcismo contra as parénteses xeadas.

Despois, se non é moito pedir, mentres corrixo o andar desleixado,

incinero o silencio, e recompoño a fe esfolada, … sérveme un grolo

do mesmo que estas tomando….

Xa case esquecera

o ben que me saben

as túas verbas máis acedas.

(Doutora Seymour, que tal? eu aquí…, introspectiva, meditando… como vostede me recomendou.)

EU, ONDA

Posted by Seymour | Posted in fototerapia (automedicación) | Posted on 05-09-2008

Como dizia o poeta

Quem já passou
por esta vida e não viveu
pode ser mais, mas sabe menos do que eu
porque a vida só se dá
pra quem se deu
pra quem amou, pra quem chorou
pra quem sofreu
Ah, quem nunca curtiu uma paixão
nunca vai ter nada, não . . . .


(Vinicius de Moraes)