EXERCICIO Nº 15

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 28-03-2008

Yellow

red

blue

Kandinsky

“(…) Cando dous textos, dúas afirmacións, dúas ideas son opostas, esforzarse en concilialas máis que en anular unha por medio da outra; ver nelas dúas facetas diferentes, dous estados sucesivos do mesmo feito, unha realidade convincente porque é complexa, humana porque é múltiple.(…)”

Caderno de notas de “Memorias de Hadrián” – Marguerite Yourcenar

(Vostede x min = (+ -) ….)

TRANSO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 23-03-2008

As siluetas habituais do cuarto esvaecían a plena luz do mediodía dando paso á (auto)metamorfose das sombras nas baldosas do chan. O corpo (auto)durmido, debruzado en éxtase no sofá. As palmas das mans cara arriba, a medio (auto)pechar. As plantas dos pés fronte a fronte, as pernas (auto)abertas, como sempre lle dixeran que non se debía. As meniñas (auto)dilatadas, (auto)famentas da paisaxe que comezaba a (auto)debuxar.
E a boca entreaberta.
Un fío de cabelo na comisura.
Xogando coa saliva que (auto)segregaba a xerras, preparando o estómago para os recordos que ía (auto)invocar.
Ao seu carón o espertador (auto)programado para soar ás dúas menos cuarto. Deixando un cuarto de hora para
(auto)borrar os restos da (auto)nostalxia
antes de deixarse ver por ninguén.

(auto)Lembrou….(se)

(…por vontade propia, gozando do saboroso vicio, (auto)clandestino, Doutora, Seymour, …)

SEMENTE

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 14-03-2008

Furo a terra cunha culler (pequena) porque hai moito tempo que non aireo o substrato da begonia, e xa que estou, pois aproveito o vaso do iogur que veño de tomar e tamén lle boto nove doses de auga que collo na billa do lavabo. Despois sento no sofá e miro para ela, e lembro o día que a merquei nun hipermercado. Daquela era unha planta tipo, tiña a medida exacta que aconsellaría calquera decorador, foron tempos, hoxe é unha besta inescrutable detrás da que se agocha a metade do meu salón.

A dicir verdade é que só a merquei para ver canto me duraba (non aturo as flores de invernadoiro nin as plantas domésticas), e aquilo de traela para casa foi unha arroutada desas que dan cando un xa ten o carro do hiper cheo pero pensa que aínda cabería algo máis. O caso (non vou relatar todo o proceso paso por paso) é que, digamos, mirei para ela e que dun xeito case automático comecei a elaborar un plan. O meu plan era curtila, salvala, imporlle os rigores máis extremos para que ,no caso de liberala, o mundo real fose para ela un paraíso. Foi unha inspiración súbita que me deu. Un acto altruísta e magnánimo que me cubriu cunha aureola mentres pagaba na caixa número tres.

Mais o tema fóiseme das mans.

Á begonia prestoulle aquela disciplina milimetrada máis propia dun espartano dos de antes que dunha galega doce e melosa coma min…, e agora… hai noites nas que escoito (ao lonxe) percusións e cantos tribais que despois de comprobalo polo método empírico máis fiable que coñezo (pondo a orella) concluín que xorden da espesura (mesta e redundante) que cubre o que en tempos foran os andeis as vitrinas e os caixóns daquel moble por módulos que (noutra arroutada menos inspirada) mercara en Ikea, Alcorcón, Madrid.

Foi iso o que fixo que mudara de parecer, e que relaxara a man de ferro coa que levaba o proceso de reinserción daquela planta noutrora mexericas e miñaxoia. Dende entón xa non son tan estricta con ela, cando as follas comezan a dar signos de que están a piques de renderse, régoa o xusto para que erga as pólas (nota: é un feito que de cada vez precisa menos auga) e sega tirando. A miña prioridade neste momento xa non é o adestramento da begonia, é ver (só por curiosidade científica) canto tempo tardan en extinguirse os entes que deixan esas pegadas diminutas e retortas que van en liña recta dende os restos do último testo ao que fun quen de transplantar a besta, ata o corredor, para dividirse despois en equipos ( segundo o rastro 10 ou 15 individuos diferentes en cada un) que percorren a miña casa (non sei con que propósito) cando eu non estou.

( Doutora Seymour, non lle apetecería unha planta para adornar a consulta? teño uns gallos (adestrados) que plantei hai unhas semanas. Xa prenderon…)

EXERCICIO Nº 14

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 06-03-2008

“(…)
Sobre que escribo: sobre o ovo.
Frustracións e ganas, amor que devora, soga e cravo,
disputas por un pelo e póla palabra caída na sopa.
Sobre o conxelador e o que pasou
cando marchou a corrente.
Escribirei sobre todos nós
sentados diante de pratos xa baleiros;
e tamén sobre ti e sobre min, e sobre a espiña na gorxa.”

(O rodaballo – Günter Grass )

(No núcleo xénese e apocalipse, mesturados e confundidos, o resto só son figuras retóricas, a cuadratura da elipse, inventos para dissssimular… Ssssseymour…)

PROXECTO IDENTIDADE

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 04-03-2008

Argallou unha Besbelliña unha iniciativa

fermosa… que xa é un corpo rotundo de verbas e papel

E iso só e posible cando alguén pon a disposición

de todos a forza da súa ilusión, enerxía, poder de

convocatoria, e organización. O dito, só unha

Besbella convencida é quen de levar a bo porto

unha idea coma esta.

Aportar o meu gran de area, foi un pracer.

(…unha paréntese fóra desta terapia, prezada paciente… en moi boa compaña.)