VERDE, ESPERANZA…, VERDE…VERDE…VERDE…

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 29-02-2008

Estaba borrachotolocelosoferidonoorgullo…, con iso xa se entende, cando un está nese estado calquera feito é do máis normal… e o normal é que ese estado sexa un atenuante…

Estaba mortamortamortamortamorta…, con iso xa se entende, cando unha está morta de todo xa non da motivos para que a maten máis… o normal é que unha cale para sempre mentres a meten no nicho…

Estaban xordoscegosmudos…, todos os que agora choran por ela máis que ninguén…., e con iso xa se entende …
…. todo.

( Doutora, debo finxir que esta morea de parches cos que me atordan son a panacea universal. Suponse que estou adestrada para ter unha paciencia infinita… e comprender…, son muller.)

A=L=I=M=E=N=T=O

Posted by Seymour | Posted in packliteraterapia | Posted on 24-02-2008

Apartei os cabelos e deixei o colo exposto para que e=l debuxase coa lingua a ruta da m=i=ñ=a xugular, e dixen:

Fai moito que fuxín da gaiola dos grilos, e non teño traumas por iso… ¿Sabes a que sabe o sangue da ferida que fai o pecho da gaiola ao fuxir?. Sabe a codia de pan fresco roubada da t=ú=a boca. É doce e morna, e a s=ú=a esencia fica pegada no padal durante horas. Unha vez que a probas non hai reixa nin cadea que t=e poida reter.

Entón din a volta para comprobar no fondo dos s=e=u=s ollos se aceptaba o reto, e e=l prometeume amor eterno mentres petiscaba coma unha aguia na cordilleira crocante da m=i=ñ=a clavícula.

Despois bicoume, agochando a chave da gaiola nunha man
que nunca …… chegou ……. a aloumiñarme …………………..

(O desafío, … D=o=u=t=o=r=a…, e=ud=e=n=t=r=o=d=o =s=e=u=b=ic=o… só polo pracer de fuxir, unha vez… máis…)

EXERCICIO Nº 13

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 17-02-2008

“ A miúdo tiven que comer as miñas propias palabras, e descubrín que eran unha dieta equilibrada ”

(Winston Churchill)

“ Toda palabra dita esperta unha idea contradictoria ”

(Goethe)

“ As palabras elegantes non son sinceras; as palabras sinceras non son elegantes.”

(Lao Tse)

“ O meu único desexo é coñecer o mundo máis as comedias que nel se representan ”

(René Descartes)

(…e eu aqui, Seymour, remoendo dun xeito nada elegante, sinceramente contradictoria, coma unha actriz de dobraxe de terceira división.)

DECLARACIÓN XURADA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 11-02-2008

Eu contáballe as miñas penas a un vaso de auga, e no fondo do vaso xuro que vin a Atlántida.
Tamén xuro que a auga doce virou en mar así que bebín o primeiro grolo, e que traguei sen querer un niño de redes enleadas, e que ao segundo grolo unha balea ficou varada na miña gorxa, e que ao terceiro grolo xa mergullaba como unha experta naquelas augas…
…e que naquel fondo rochoso as fiestras dos atlantes brillaban coma alfaias, e que o tempo deixou de existir mentres asexaba o que acontecía dentro daquelas casas, e que así foi como deixei que unha familia de algas trenzara os meus cabelos, e como comprobei que por cada tirón choraba unha bágoa, e que cada unha delas esvaecía como osíxeno entre tanta auga…
…e que mentres eu desenleaba aqueles nos de febra de alga as medusas cinguiron os meus nocellos, e os polbos trituraron os meus xeonllos, e unhas vieiras esmagaron as miñas palmas, e que entre todos me arrastraron, e que me meteron nun cortello dun suburbio inzado de portas pechadas, e que detrás das portas eramos millóns os que afogábamos un lamento, e que co salitre que extraían dos nosos ollos os atlantes estercaban os campos das futuras Atlántidas.

(Se non me cre, Doutora Seymour, probe e beba (sen sede) ata o ultimo grolo, un vaso de auga…)

REALITYSOÑO CON BANDA SONORA ESQUIZOFRÉNICA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 06-02-2008

O que escoitei:
– O can!. Que alguén lle tape a boca! Sacádeo a mexar por deus !
– Marta, di mamá que te levantes que xa son as once.
– Hoxe é o meu día libre! oes mamá? libre!. Apaga esa aspiradora por favor!

O que maxinei:
Agochada debaixo dunha morea de mantas escoitou como a súa irmá saía do cuarto e lle dicía á nai que ela non a volvía a avisar. Marta xa presentía o que se lle viña enriba, e removíase incómoda entre as sabas preparándose para o enfrontamento. Aí viña. Aí estaba. Subindo a persiana e abrindo a ventá de par en par. A mesma historia de tódolos domingos. Mais aquel era especial, sabíao, aínda que facía como que non. Por iso non quería

espertar

O que escoitei:
– Quero durmir !
– E eu quería a lúa, e xa ves, quedei en nai dunha lunática. Fai o favor de saír da cama agora mesmo, a túa irmá xa leva en pé desde as nove.
– E que culpa teño eu de que sexa coma un gran no cu?. Por min como se se ergue as cinco da mañá. Déixame en paz!!

O que maxinei:
Ela sabía que no lle ía quedar outra que erguerse, mais resistíase. Agarrábase con unllas e dentes ao colchón, e sacaba un ollo por aquel sifón de polbo que fixera coa saba e a manta a modo de respirador, mentres buscaba o xeito de desactivar o ataque daquela nai tanque que lle tocara.

O que escoitei:
– Media hora. Só media. Xúrocho. Media hora, media hora. E xa me ergo e me visto en cinco minutos. De verdade, muller!!!
-Ata que no te vexa saír da cama non marcho, que xa coñezo o percal e imos chegar tarde…

O que maxinei:
A nai agardaba coas mans prendidas no van e un pé batendo no parqué. Marta ergueuse. Mirou para a roupa que preparara a noite anterior, e maldiciu a Antón. A Sofía. A aquel maldito crego. Aquela maldita voda. E sobre todo, maldiciuse ela mesma por ter sido tan parva, e por aceptar o xogo do tres eran tres… Fitou de esguello para a nai, que aínda non marchara do cuarto, e abriu a boca só para volvela a pechar. Ela non sabía nada. Ninguén sabía. Ninguén. Ni sequera Antón sabía que para ela o xogo fora o de dúas eran dúas.

O que escoitei:
– E agora porque choras?, que tes?
– ……………………………………………..

( As paredes de papel dan moito de si, Doutora Seymour, dan ata para un guión de telenovela cando un xa durmiu tanto que esgotou todos os soños que lle tocaban ese día.)

EXERCICIO Nº 12

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 01-02-2008

VAGUEDÁS

II
Ben sei que non hai nada
novo en baixo do ceo,
que antes outros pensaron
as cousas que ora eu penso.

E ben, ¿para que escribo?
E ben, porque así semos,
relox que repetimos
eternamente o mesmo.


III
Tal como as nubes
que impele o vento,
i agora asombran, i agora alegran
os espasos inmensos do ceo,
así as ideas
loucas que eu teño,
as imaxes de múltiples formas,
de estranas feituras, de cores incertos,
agora asombran,
agora acraran
o fondo sin fondo do meu pensamento.

(Rosalía de Castro – Follas novas)

(…………….)