XIGANTE VERMELLA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 27-01-2008

Hai días abelorio nos que as primeiras raiolas da mañá xa estoupan contra os vasos que agardan sobre o escorredoiro (do vertedoiro) coma se fosen un colar de diamantes no pescozo dun can de palleiro.
Nun espertar esdrúxulo, coma ese, o sol entra por cada burato da persiana coma se na outra beira da rúa se manifestase un rabaño de raios láser de discoteca a medio desmantelar, parapetados detrás do derradeiro despece de marcapasos e implantes de cadeira de ante penúltima xeración.
Nunha xeira paranormal, coma esa, a luz invade o centro natural da bandexa do microondas e sen que se saiba moi ben porque (?) o leite sae a medio ferver, e hai que irradialo unha e outra vez ata que as moléculas lácticas xemen aborrecidas de semellante sobredose de adestramento cerebral.
Nunha xornada escintilante, coma esa, un pode ver as boliñas noxentas de peluxe translúcido que se camuflan na fronteira de ninguén que separa o sofá dos baixos fondos (escuros) nos que ata ao heroe máis bravo lle mete medo meter a man.

Hai días estupendos nos que tería que chover, a cachón, e escampar despois, para que esvaeza o recendo a lixo, fosforescente.

(Poña as lentes de soldar, Doutora Seymour, coido que vou sorrir…te…só…rir…te…rror…)

CRIBA E AREA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 23-01-2008

No patio de atrás…

(Non son quen de maxinar a un camelo pasando polo burato dunha agulla, Doutora Seymour, e tampouco un gran que quede sen pasar por esta peneira…)

EXERCICIO Nº 11

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 16-01-2008

“ Os libros están para lembrarnos o parvos e

estúpidos que somos. Son como a garda pretoriana

do César, murmurando mentres ten lugar o desfile

póla avenida : “Recorda, César, que es mortal”.”

(Fahrenheit 451 – Ray Bradbury)

( Un, dous…, un, dous…, un, dous…, Ave Sssssseymourrrr………..)

BOAS INTENCIÓNS…

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 01-01-2008

Afastarme e achegarme, asolagarte unha e outra vez ata que navegues nestas augas coma se fose o único aire. Envolverte.
Espirte. Coller o teu alento entre os meus dedos e petiscar, ceder o meu para que petisques.
Debullar as palabras agochando o siso aparente. Esvaecer.
Aparecer e coroar a tolemia coma a única razón razoable. Mentir. Seducir.
Sen que sospeites.

(Si Doutora…, o de sempre)