…E SETE LÚAS DE ACOUGO.

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 30-07-2007

El xoga as agachadas e durme para min as súas sestas eternas, os meus amenceres insomnes, e as miñas noites en vela, con ese respirar lento que é unha provocación consciente á miña vixilia.

Compráceme ver como actúa só para inflamar os meus cabelos e como gorenta sentir que fabrican un aire propio na cunca dos seus ombros, e viran nunha manchea de plumas que aloumiñan o interliñado sobre o que se suspenden os latexos dos meus peitos.

El sabe.
E salouca coma se o soño que durme fose axitado de máis e precisara deixar esa testemuña debuxada na corrente témpera que esvara entre os seus dentes antes de que a recolla nos meus beizos.
Eu sei.

E treme cando o meu padal saborea esa impaciencia respirando dentro del, consumindo todo osíxeno, mentres as ondas do meu cabelo estoupan contra o seu corpo, e ruxe a pel, e ispe o soño, e esperta enlazando toda ruta co capricho do seu tacto.

En ofrenda a min.

(Sete soles sen somníferos, D – o – u – t – o – r – a.)

UNHA XEIRA ESGOTADORA, III

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 25-07-2007

Nalgunhas pólas esguízaras,

desas árbores que medran na beira seca

de certas lagoas,

onde dormen uns pequenos nenúfares negros,

muxidos por cen mil milleiros de vacalouras…

algunhas noites cadradas pousan lexións

de libélulas,

que cansas de debuxar circulos,

gorentan burbullas acesas.

(Sempre me puxo medo xogar as bonecas, teño a sensación de que nalgún lugar… alguén…tamén pode estar xogando comigo, Doutora… Seymour.)

UNHA XEIRA ESGOTADORA, II

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 22-07-2007


LA OVEJA NEGRA
“En un lejano país existió hace muchos años una oveja negra. Fué fusilada. Un siglo después, el rebaño arrepentido le levantó una estatua ecuestre que quedó muy bien en el parque. Así, en lo sucesivo, cada vez que aparecían ovejas negras eran rápidamente pasadas por las armas para que las futuras generaciones de ovejas comunes y corrientes pudieran ejercitarse también en la escultura.”

AUGUSTO MONTERROSO

( Eu ,coma todos, Doutora Seymour, teño na casa buril, martelo e cicel…)

UNHA XEIRA ESGOTADORA

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 19-07-2007

As extremidades escorregábanlle naquel aire duro contra o que batía unha e outra vez. Víase que a pobre ía cansa porque ás veces paraba un intre sobre o muro invisible que a afastaba do colector de lixo, e collía folgos mentres estricaba as ás e limpaba os ollos todos… (un por un), para asegurarse de que aquel oasis envolto en plástico verde seguía agardando por ela, alí, ao outro lado de non sabía o qué.

Porén aqueles descansos duraban pouco, coma se un instinto irresistible lle asolagase o fígado, de súpeto viraba nunha tola suicida á que tanto lle tiña morrer no intento con tal de chegar á outra beira da rúa.

Comprendín que ela nunca pararía, que non podía deixar de pensar nos zumes fermentados que a agardaban alí, quecéndose na súa propia prebe, pouco a pouco, baixo o sol.

( Xa que logo (nun daqueles descansos), esmagueina contra o cristal e o zunido desesperado que case estaba a piques de tolearme a min tamén, esvaeceu. A dicir verdade, Doutora Seymour, non pinto todos os seráns…)

RIEN NE VA PLUS?

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 16-07-2007

“Eu marabillábame de que tivera aturado esas

sete ou oito horas, sentada na súa cadeira e case

sen apartarse da mesa, mais Potapych díxome

que en tres ocasións comezou a gañar de verdade

sumas considerables, e que, cegada de novo póla

esperanza, non puido abandonar o xogo. Os

xogadores saben ben que un pode estar sentado

xogando ás cartas case vintecatro horas sen

mirar á dereita nin á esquerda.”

(Fiódor Mijáilovich Dostoyevski)

(Aínda que tamén din, Doutora Seymour, que é de mal agoiro probar sorte dúas veces seguidas, na mesma mesa…)

DIAGRAMA DE VEN…N

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 13-07-2007


Sentir. Eu podo sentir.

Pero son humana….
e podo debuxar esa liña imaxinaria que nos separa,
divide,
en anacos,
continentes
doentes de vento.

Eu podo sentir o vento …

E podo esixir que non respires.

Pero son humana…
e agasallo amor aos meus amados cando me
suman,
en conxunto,
finito…
chaira do mundo,
e volvemos a inventar Panxea na cunca simétrica dos nosos ventres.

(Todo pode ser… doce, Doutora Seymour.)

UNHA CERTEZA TRANSPARENTE

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 11-07-2007

“ Non hai barreira, pechadura, nin ferrollo,


que poidas impor á liberdade da miña mente”

(Virginia Woolf)

( Que quere que lle diga , Ssssssssseymour…)

BAÑO DE SAL

Posted by Seymour | Posted in packliteraterapia | Posted on 09-07-2007

Baixo o parasol, estendida e derrubada, entre o esvaecemento máis un sono (denso) ao que esta pel se resiste, prendida como aínda está aos instintivos refugallos de supervivencia que supuran baixo as dúas capas de bronceador coas que tentei illarme de min, maxino que alguén pousa a súa man nas miñas pálpebras para que non pregunte máis…

Quixera que foses ti, penso mentres remexo levemente as dedas, mais xa sei que neses intres cando a derradeira salitre colle o padal dun agoiro a sabor metálico, un queda (só) á deriva agardando impotente ese pulso alleo que escriba nun informe (numerado) que eran as 21:04 cando marchei, por fin…

Sen saber porque, chorarás. Maxino que será así (déixame). E devorarás o chan cos ollos por non ser quen de mirar o que queda dos aloumiños que invertiches na miña pel, illada xa de todo baixo as dúas capas de maquillaxe coas que tentarán achegarme aos que vos afastaredes do que fun…

Mentres, alguén pousará a súa man nesa burbulla que nos divide, e no canto de consolar o mar de fondo que baterá contra túas costas, pensará que as súas verbas sobran, que nunca fun tan alta, que (se cadra) quedaron moitas cousas a medio dicir, que o recendo excesivo a flores non fai máis que confirmar que os poros do cristal existen, e que nestes casos a beleza (efémera), é a vacina oficial que solapa toda dor…

Maxinei todo iso.

Entón acordei, sen que a miña vontade mediase, e os meus ósos erguéronse e camiñaron ata o mar, mergullándome nel ata que berrei que estaba viva…

Velaquí estou.

E ti, baixo o parasol, case chegas a abrir as pálpebras (estendidas) ao sentir a chuvieira do meu cabelo mollando algún sono, cando os meus beizos derruban sobre os teus.

(Coido que ás veces, Doutora Seymour, cando non mira ninguén, a area debuxa pegadas sobre si mesma…)

…NUNHA CUNCA DE PAPEL…

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 05-07-2007

…penso que o que xa se sabe non fai latexar os pulsos,

…nin electrifica a pel,

nin fai voar coma os peixe bolboreta na procura da superficie…

…daquela pecho os ollos,

e maxino todo o que non sei…

( …entón, cando presinto a vertixe, Doutora Seymour, volven a abrirse…eles…sós…)

MEDIA XUSTIFICACIÓN

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 03-07-2007

“Queda agora por tratar a conducta que debe seguir un príncipe cos seus súbditos e cos seus amigos. E como sei que moitos teñen escrito sobre o asunto, temo que ao escribir eu tamén sobre isto, se me teña por presuntuoso sobre todo por afastarme dos métodos seguidos polos demais nesta materia.
Pero sendo a miña intención escribir algo útil para quen o comprenda, paréceme máis conveniente ir directamente á realidade das cousas que á simple imaxinación das mesmas.
Son moitos os que teñen imaxinado repúblicas e principados que nunca existiron na realidade. Tanta é a distancia entre como se vive e como se debería vivir, que quen non se preocupe do que se fai senón do que se debería facer, aprende antes a fracasar que a sobrevivir, porque o home que quere ser bo entre tantos que non o son, necesariamente ha fracasar. Por iso o príncipe que queira seguir séndoo, debe aprender a non ser sempre bo, senón a comportarse segundo as esixencias da necesidade.”

( O príncipe – Niccoló Machiavelli )

( Eu sempre tiven a necesidade de (mal) comportarme segundo as esixencias con todo aquel que me diga… princesa… Vou polo bo camiño, verdade, Doutora Seymour?)