BEIXO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 30-06-2007

Beizo sobre beizo,
coma se unha cereixa de Beade adozase
unha sarabiada de limón,

coma se un fideo chino fresara
unha regalicia vermella,

coma se as algas do mar dos argazos trenzase
a lingua de Lucifer,

coma se fose un bombón,
coma se fose un bombón,
coma se fose un bombón
de ron,
do caribe,

coma se a Fontana das Burgas
destilase augardente di Trevi
na cova do Eo,

coma se Apis bebese da boca de Afrodita
a agredoce saliva
de Marilyn.

( Será tecnicamente posible todo isto, Doutora Seymour?, míntame por favor.)

A BALADA DAS SERRADURAS

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 25-06-2007

Ela é das que pensan que calquera cousa que se merca nun anticuario dálle a unha casa ese punto de distinción que lles falta aos propietarios.
Foi ela a que me animou a mercar aquela primeira arca, e a que (sen sentir) fixo de min unha coleccionista compulsiva que xa non sabe vivir sen frecuentar as tendas do ramo, acudir a cada feira da que lle chega información, e mergullarse, así que dispón de cartos, nese nutritivo (furtivo) mundo subterráneo no que o prezo das alfaias auténticas farían arroibar a máis de un.

A min deume pólas arcas coma se me chega a dar por amorear cadeiras ou chineiros. No fondo… o que importa… non é o obxecto, senón se é vello de abondo e ten ese aire medio escangallado que fai medrar coma a escuma o “chic” da miña casa, mailo da miña persoa.

Ben é certo que esta autoestima sáeme un pouco cara, que teño limado todos os créditos que pedín, e que boa parte do meu tempo libre dedícoo a meter pólos buratos que roeron as couzas o

eficiente catéter do insecticida… pssssssssssssss…pssssssssssssss… mais paga a pena…

Xá había moito tempo que non sabía dela, porén esta mañá chamou (así de súpeto) para avisar que un día desta semana vai vir botarlle unha ollada ás miñas últimas adquisicións.
Ela quere ver, quere comprobar, quere… comparar… as miñas arcas coas súas cómodas…

Tomaremos unhas cuncas de té negro. Eu adozo con sacarina, ela con azucre…
pssssssssssssss…
psssssssssssssss…

( Un día destes, Doctora Seymour, gustaríame convidala a tomar un café con torta de mazá (a miña esssssssssspecialidade) e retomar a terapia… en directo… )

俳句

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 21-06-2007

shira-tsuyu ya
ibara no toge ni
hitotsu-zutsu

Branco orballo.
Cada puga na silveira
ten una gota.

harusame ya
mono kakanu mi no
aware naru

Chuvia de primavera;
¡pobre de aquel
que nada escribe !

与謝 蕪村

(…医者…)

FACTOR 50+

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 20-06-2007


“Pídenme que explique por que

temo as correntes de aire frío,

por que aterezo máis ca outros

ao entrar nun cuarto frío e

semella como se sentise náuseas

e repulsión cando o fresco vento

do anoitecer comeza a se esvarar

por entre a calorosa atmosfera

dun sosegado día outonal.

Segundo algúns, reacciono fronte

ao frío como outros o fan fronte

aos cheiros, impresión esta que

non negarei.”

(Aire frío – H.P. Lovecraft)

( Ir ao solarium tres veces en semana xa non me acouga, Doutora Seymour, preciso deitarme urxentemente na area sabendo que o burato da capa de ozono está enriba de min. Tanto me ten todo, iso é o único que teño en mente, xa non aturo máis.)

SÓ, E NINGUÉN DIANTE DO ESPELLO…

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 17-06-2007


El nunca pechaba a porta de todo, e eu (ás veces) axexaba por aquela fenda para ir desenganchándome del.
El nunca saberá, nunca… sentíase tan protexido dentro daquela sauna (turca) que adoitaba fabricar no noso cuarto de baño, que non miraba para outra cousa que non fose aquel espello de modista que me dera por meter alí mal aconsellada por unha revista de decoración.
Cada vez que saía da ducha limpábao coa man e palpábase o corpo (con amor) e beliscaba na pelica recocida coa que o agasallara a media hora larga de estar en remollo nun caldo (escumoso) a piques de ferver…
Despois suspiraba, e volvía a pasar o dorso da man pola superficie onde quería verse reflectido. Notábase que o facía con fastío, que todo aquilo (no fondo) non lle prestaba, mais víase tamén que era escravo dun ritual.

Primeiro formaba un círculo no espello á altura da faciana.
Despois outro mais grande ata os xeonllos
E daba un paso atrás.
E metía o bandullo para dentro ata que case afogaba.
E sacaba peito.
E separaba os brazos coma se levase un fardo de herba debaixo de cada un.
E separaba as pernas.
E metía o cu.
E sacaba inguas.
E puxaba un par de veces para que o carallo abanease , supoño (eu) que para comprobar que aínda estaba vivo…
Entón erguía a cella esquerda, e ficaba alí uns segundos máis, bébedo de compracencia.

(Eu tiña clarísimo que vivia cun papaostias, Doutora Seymour, porén mentres durou sempre calei por amor propio, ao fin e ao cabo quen o metera na casa fora eu…. dende aquela quedoume esta teima de preguntarlle aos homes se cando van ao baño pechan a porta, ou non. Así me vai…)

REGRESIÓN… A PELÍCULA

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 13-06-2007

Secuencia 1ª:
Préstolle o pano dos mocos ao neno máis feo da clase.
Reacción:
Boa, o mestre gabou a miña solidariedade.
Problema:
O neno feo estaba sempre ao meu redor.
Solución:
Collelo nunha esquina do patio e ameazalo.
Penitencia:
Rezos dobres antes de durmir.

Secuencia 2ª:
A veciña do sétimo C quere que me faga amiga da súa filla. A súa filla ven ao meu cuarto e quere xogar ás mamás e mamás.
Conclusión:
A filla da veciña máis aqueloutra compañeira do colexio querían moito as súas nais.
Teima:
Teimar en que tal xogo non existía. Cousa de nenos.
Desenlace:
A veciña do sétimo C aburriuse de min e fíxose amiga da miña compañeira que vivía no segundo A.

Secuencia 3ª, toma 1(imaxes rápidas e encadeadas):
O compañeiro da mesa do lado chíscame o ollo. O compañeiro da mesa de atrás agarda por min para baixar o patio. O compañeiro da mesa de diante olla para atrás (arroibado) e ri coma un parvo.

Secuencia 4ª, única toma ( cámara lenta e plano americano, rematando cuns primeirísimos primeiros planos):
O compañeiro da mesa de enfronte mira para a miña compañeira, a que xoga coa miña veciña ás mamás. Ela mira enfeitizada para o encerado.

Eu miro para a cámara cargando a cella.

Fundido a negro.

The end…

(Se cadra, Doutora Seymour, o neno dos mocos (no fondo) non estaba mal de todo… a cousa aínda vai ser que se me foi a man con el niso dos efectos especiais.)

(α) ALFA(β)BETA

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 11-06-2007

Devezo por ese día…
(hoxe)
no que roubes o libro das miñas mans,
e me ispas coma se me leses,
subliñando o adxectivo superlativo,
dun salouco,
(tolo)
e tolees
(de gozo)
para que escribas na pauta do meu padal,
a saborosa verba
( sen letras)
que traduce o silencio do teu ollar,
mentres reles
(en min)
cada liña
de cada poro…

(Bookcrossing, Doutora Seymour, nun cuarto para dous.)

CROCANTE

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 08-06-2007

Aquel serán o sol lucía un fermoso laranxa que me lembraba os zumes nutritivos das estrelas que adoitaba petiscar antes da cea.
Porén decidín que aínda era cedo.
Aquel solpor provocábame seguir estricándome na superficie da auga coma unha anguía (lacazana) xa que a aquela hora do día era cando a luz arrincaba as cores máis incribles das escamas da miña cola.
A cea podía agardar.
Os brillos enfeitizábanme, e (eu) xogaba unha e outra vez con eles, (ondeando), para ver como os escintileos mudaban do verde ao vermello ou do azul ao dourado, percorrendo o meu corpo con todas as cintas do arco da vella .
Aquel serán o sol aínda quecía malia estar a piques de se mergullar, sentín a súa calor nos beizos e esmorecín baixo as derradeiras raiolas estendendo os brazos cara atrás para sentir como as puntas do cabelo me facían cóxegas nos pulsos.
Biquei o ar.
Despois rebulín, din un brinco, e mergullei na procura daquelas estrelas laranxa que me facían a boca auga.
Estaba famenta.

(Aquel serán fun serea, Doutora Seymour, agora non me sae, coido que estou escamada de máis. )

VERBAL

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 06-06-2007

EU ÓSO
TI ÓSO
EL ÓSO
ELA ÓSO

NÓS ÓSO
VÓS ÓSO
ELES ÓSO
ELAS ÓSO

( Os demais (…) xénero neutro…, Doutora Seymour.)

AÍNDA QUEDA, A COR DA HERBA…

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 04-06-2007

Íamos todos en liña deixando entre corpo e corpo a distancia que recomenda o protocolo, así cun pequeno movemento (disimulado) da cabeza víamos se o que ingresaba ou retiraba o anterior era maior ou menor do que íamos a recibir ou entregar nós…

Cando chegou a miña quenda cedinlla á parella espida que agardaba dous postos detrás de min (púidome a curiosidade). Houbo protestas, mais salteime a norma malia as consecuencias que se ían derivar daquela insubmisión.

Avancei dous pasos máis do permitido (tanto me tiña o escándalo que estaba a piques de provocar) para mirar de cerca a transacción…

(Cando remataron din a volta e marchei con eles, Doutora Seymour, ficara abraiada do que se pode chegar a dar. De camiño á porta escoitei algúns insultos, eu virei a cabeza disposta a cravar a miña lingua afiada en quen fixese falta, a parella espida non… )