A MAL TEMPO…

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 30-05-2007

“Es muy duro ser cuchara. Es el único cubierto hembra en un mundo de cubiertos macho. Sus compañeros de trabajo, el cuchillo y el tenedor, son unos machistas y la discriminan. Al poner la mesa, a ella la ponen al otro lado del plato. Ellos se encargan de las grandes comidas y a ella la mandan cuando hay un puré o un sopicaldo…¡Eso es discriminación en el trabajo! La cuchara debería denunciar al cuchillo y al tenedor por mobbing.”

( Botei man de Luis Piedrahita , Doutora Seymour, que lle quere… unha ten que buscarse a vida mentres agarda a que chegue (dunha vez) o anticiclón.)

CHARADA

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 28-05-2007

Hoxe
pensei
que
xa me atopara,
pero
achegueime

ao que xa

pensara

onte
e volvín

a mudar

de

(E mañá…, Doutora Seymour, atopareime entón?)

A DANZA DE ARIADNA

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 25-05-2007

Sabía que había máis dun cuarto de hora que non me quitaban o ollo de enriba desde a outra punta da barra. Bebín un sorbo do meu combinado e sentín o lume esvarándome pola gorxa na mirada que me comía cinco banquetas máis alá.
Sacudín a melena e fitei directa cara el, sabía o que quería e eu estaba disposta a todo, agasallándoo coa disolución de vodka que me percorría as venas a cambio daquela mirada de desexo incendiario que non ollaba máis alá da curva dos meus cadrís e do canón que separa os meus peitos.

Só esixín a rendición total, a dos instintos, baixos instintos bébedos de testosterona, eses que enturban as meniñas dos homes cando os seduce unha muller.

Quixen bailar e deixar que a calor húmida dos seus dedos cinguiran o meu van. Pegueime a el finxindo que seguía o seu ritmo, (cedéndolle o convencemento de que aínda era dono da iniciativa), ata que fincou as inguas en min… entón craveime nel traspasándolle a retina, afundíndome nos seus miolos, para recoller a punta do fío leado e plantar a semente dun doce agoiro.

Despois tirei da guía e pouseina nos seus beizos, biqueino, asolagueino de min, deixándoo no centro do labirinto, perdido e consciente de que me afastaba cálida, ardente, febril, afrontándoo co Minotauro.
Fíxeno meu.
Porén, el aínda non o sabe.

( Podo ser moi (boa) paciente…. verdade Doutora Seymour?… cando quero, sei esperar.)

RODAS DE MUÍÑO

Posted by Seymour | Posted in musicoterapia | Posted on 23-05-2007


Penso nos dentes (afiados) das facturas que agardan por min a fin de mes, e afágome á idea de que non me queda outra…

Bótome á rúa coa caluga encollida e as ganas de traballar metidas baixo o piso das botas.

Camiño derrotada.

Teño o pé ferido.

Vou farta desta feira da cordura.

( Vou coller o coche, Doutora Seymour, tanto me ten que xa non me queden puntos…)

CORRESPONDENCIA; UN VOTO, UN COLECTOR.

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 21-05-2007

Sobres, sobres, sobres, sobres, sobres, sobres, sobres, sobres, sobres,….e dentro follas e follas e follas e follas e follas e follas e follas e follas e follas…con letras, (todas), que se repiten que se repiten que se repiten que se repiten que se repiten que se repiten….e non din nada porque todos os sobres levan as mesmas follas coas mesmas letras que forman as mesmas palabras (baleiras)…

( Xúrolle que tento centrarme nesta terapia, Doutora Seymour, pero estes días cada vez que paso ao carón das caixas do correo sinto que alguén ri de min. Mándanme as papeletas á casa para que mentres penso que fago con tanto papel estragado non perda o tempo pensando no que vou votar.)

A POSTURA DO ESCORPIÓN

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 18-05-2007

E fitei os seus ollos
e lembreime de ti,
e traguei o sorriso cunha dose de dor
e achegueime as súas mans
na procura de nada,
e cegou no meu bico coma se fose seu,
e fodemos no chan
na procura do amor,
e chorou no meu van cando o orballo fluíu,
e fuxín dos seus ollos
morrendo de ti,
e chuchei a súa sal bebendo o meu beizo,
e achegueime ao seu corpo
na procura de nada,
e atopou que o seu ombro axeitábase ao meu,
e deixei que a mamila
falara por min,
e ficamos calados, asombrados, os dous,
e xogando coas linguas,
engulímoste a ti.

(…chegará o día, Doutora Seymour, no que non morra por ninguén… e non sei se quero…)

RELANZO

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 16-05-2007

Hai tempo que deixei de subir no ascensor cando coincido con alguén no portal, adestrei abondo para que non se notase (non é cousa de coller fama de cocón), polo de agora tento parecer un ser humano (medio) normal.

Técnica:
1- Saúdo.
2- Sorrío a medias.
3- Premo o botón (se non premeron xa) e agardo pensativa cunha perna flexionada.
4- Xogo coas chaves.
5- Fago que leo con interese o derradeiro aviso que meteron na vitrina de derradeiros avisos da comunidade ( sempre de hai catro meses).
6- De súpeto, miro o reloxo…
7- Despois miro como con dúbidas e impaciencia para a rúa.
8- Entón poño cara de fastío.
9- Bufo un chisco.
10- Gardo acelerada as chaves no bulso.
11- Camiño a fume de carozo cara a porta da rúa.
12- Abro.
13- Pecho (deixo pechar).
14- Dou a volta a esquina.
15- Avanzo uns pasos.
16- Paro.
17- Miro o reloxo.
18- Sorpréndome (gran actriz).
19- Dou a volta.
20- Volvo a entrar no portal
21- Se non hai ninguén…, premo o botón e agardo impaciente…
22- Se hai alguén, ou chega antes de que se abra a porta do ascensor, entón volvo a 1

(Ás veces teño usado as escaleiras, Doutora Seymour, pero se chego a un relanzo cando sae un veciño do ascensor, mírame raro… Eu gusto de chegar a casa, prender a televisión, e recibir as novas do Tempo directamente dun profesional. É iso delicto?. Polo que se ve…si. Estou esgotada.)

…AGASALLO…

Posted by Seymour | Posted in Xeral | Posted on 15-05-2007

Para gozar do relax,

antes…

quizais…

hai que estouparrrrrrr

(Moito obrigado, Doutora…Seymourrrrrr…)

60 MILÉSIMAS DE SEGUNDO

Posted by Seymour | Posted in packmusiterapia | Posted on 13-05-2007

Téntame o furtivo dos primeiros encontros, aquela dúbida inoculada en cada bico de despedida, o alento esvaecido, (escravo), a dependencia do ritual segredo, (tolo), a caducidade de cada verba prendida na seguinte, a eternidade do sabor na abstinencia interminable dun segundo ( tóxico), contaminándome de dor, pracer…

(…despois penso, Doutora Seymour, que quizais el nunca soubo ser furtivo dabondo para min, e que seguro que aquel segundo foi tan só un segundo, e que talvez o que me tenta é saber que son quen de tentalo se quero…máis nada…)

ANTIÁCIDO

Posted by Seymour | Posted in literaturaterapia | Posted on 11-05-2007

“ O máis digno de nota polo ben discurrida que está, é a fabricación do bacallao. Este prepárase con trapos vellos prensados con aceite de liñaza disolto con alcohol de arder, que logo se evapora nun forno especial, e deixa o gusto do bacallao verdadeiro. Cando foi da guerra empregaban para isto os algodóns e as gasas e vendaxes, usados dos hospitais e das ambulancias, e a roupa interior dos mortos. As aletas sácanas tamén das lavaduras dos hoteis, dos cuarteis e aínda das casas. As fábricas de bacallao teñen axentes en todos lados para mercalas. Dese xeito, acontece con seguridade que as aletas de bacallao que arestora tedes na mesa, nunha fonte capa, cocido con patacas, con aceite rustrido e ben de pemento, que é como está mellor anque o pemento sexa serruxe tinguido –por máis que tamén guisado na tarteira, capa de bacallao, capa de patacas, cortadas como para fritir, e con ben de aceite, e cebola, tamén está moi ben- estiveron xa en moitas follas de bacallao, que outros comeron, cocido ou noutro guiso, e que sabe se chucharon nelas…”

(Cando o puxen a remollo daba xenio velo, Doutora Seymour, no prato esconchaba e no padal era saboroso… pero despois, mentres me lavaba os dentes, todo eran febras. Nunca fago caso do que leo, Vicente Risco avisou.)